
Esta semana énchese coas notas de Giuseppe Verdi, os misterios dunha película da galega Sonia Méndez e unha noite “De ronda”
Despois dun comezo do Verán Cultural cunha semana intensa, esta segunda entrega do programa volve a traer variedade de propostas para animar o estío en Carballo. As Noites de Cine achegan o cine galego máis actual, mentres que a vangarda musical do país estará representada no concerto de Mondra, o músico de Teo que está sonando por todas partes co seu último disco, De Ronda. Para rematar, temos unha cita coa ópera e co Teatro Real para desfrutar da representación de La Traviata.
Como cada verán, o cinema ao aire libre forma parte importante da programación cultural do municipio co ciclo Noites de cine. Este mércores 16 de xullo as proxeccións viaxan á Praza do Concello para ofrecer As Neves, unha película de Sonia Méndez, ben coñecida en Carballo por ser a directora do Festival Carballo Interplay. As Neves é unha pequena vila de montaña na que todos se coñecen. A noite de Entroido, tras celebrar unha festa, un grupo de adolescentes espertan coa noticia da desaparición dunha das rapazas do grupo. Comeza así unha investigación que cambiará as súas vidas. Unha das películas galegas máis importantes deste ano que foi premiada como mellor longametraxe nos Mestre Mateo 2025. A proxección comeza ás 22.30 horas e a película está recomendada para maiores de 12 anos.
O venres 18 é a quenda dun dos artistas máis destacados do panorama actual en Galicia: Mondra. Vén a Carballo a presentar De Ronda, o novo traballo desde cantareiro e bailador. Un son orixinal, orgánico e fresco, para once cancións persoais e íntimas, á vez que irreverentes e desenfadadas, pero sempre sen perder as raíces da tradición oral galega. A sexualidade, o amor propio, a comunidade, a celebración e o valor da mocidade seducirán ao público grazas á música ao vivo, á danza e a unha sofisticada posta en escena dirixida por Daniel Rodríguez, que xa visitou Carballo en Primavera en danza co seu espectáculo Transeúnte. Co seu álbum debut, ARDĒN (2023) Mondra acadou o recoñecemento unánime de público e crítica e ten realizado máis de 80 concertos dentro e fóra de Galicia coa súa xira FOLÍA das ARDENTES, aclamada polo público. En maio de 2025 lanzou o seu segundo traballo De Ronda. O disco toma o seu sentido en A Ronda, a segunda produción escénica do artista. A cita é na Praza do Concello ás 22.30 horas e con ela colabora a Deputación da Coruña.
E as propostas da semana rematan o sábado 19 de xullo coa retransmisión en directo dunha das funcións que teñen lugar no Teatro Real da coñecida ópera de Giuseppe Verdi La Traviata. O auditorio do Pazo da Cultura emitirá en pantalla xigante, a través de Internet e en alta definición, a representación dunha das óperas máis queridas polo público: unha obra intensa, romántica e tráxica. Una incorporación ao programa do Verán Cultural para que o público carballés desfrute cun espectáculo singular e de calidade. Baseada na famosa novela A dama das camelias de Alexandre Dumas, a ópera conta a apaixonada historia de amor no París do século XIX entre a cortesá Violetta Valéry e o mozo nobre Alfredo Germont. Unha parella cuxa felicidade está ameazada pola hipócrita sociedade burguesa da época.
O Teatro Real acolle unha produción da Dutch National Opera & Ballet, co coro e a orquestra titulares do Teatro. Dividida en tres actos, a dirección musical corre a cargo de Henrik Nánási e da dirección de escena encárgase Willy Decker. Protagonizan a función Adela Zaharia como Violetta Valéry, Xabier Anduaga como Alfredo Germont e Artur Rucinski como Giorgio Germont. Unha oportunidade única para que o público goce da beleza da ópera desde o Teatro Real. A cita comeza ás 21.00 horas e a duración aproximada do espectáculo con descanso é de 2h 45 min. O acceso é de balde ata completar a capacidade.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.