
A biblioteca coas mellores vistas do mundo volve abrir as súas portas na praia de Razo para que, por quinto ano consecutivo, ademais de tomar o sol, practicar surf, bañarte ou xogar ao voleibol, teñas ao teu alcance a pé de praia os últimos éxitos literarios e un punto de información cultural xestionado polo persoal das Bibliotecas de Carballo.
A Praia dos Libros, que empezará a funcionar este martes 15 de xullo, será tamén o punto de recollida da revista de pasatempos A píllara das dunas e de salvamanteis con pasatempos para hostalaría, dous recursos máis que pon a disposición da cidadanía a Concellaría de Bibliotecas, Arquivos e Normalización Lingüística.
O alcalde, Evencio Ferrero; a concelleira de Aquivos, Bibliotecas e Normalización Lingüística, Ángeles Pacoret, e o concelleiro de Medio Ambiente e Praias, Miguel Vales, presentaron hoxe A píllara das dunas, que este ano está deseñada para toda a familia, con pasatempos para todas as idades e con diferentes graos de dificultade. A revista poderá recollerse de balde na bibliopraia, así coma nos postos do servizo de salvamento e socorrismo de Pedra do Sal e Baldaio-Saíñas. Neses mesmos puntos estarán dispoñibles os salvamanteis para a hostalaría. Os empresarios do sector interesados tamén poderán achegarse e recollelos de balde.
Ángeles Pacoret explicou que o funcionamento da bibliopraia non varía con respecto ao ano pasado. Conta cunha sección de préstamo, na que se require o carné da Rede de Bibliotecas de Galicia, e outra de uso libre na que, ademais de libros, atoparás marcapáxinas, postais… O que si cambia este ano é o horario, xa que a bibliopraia estará aberta de luns a venres de 15.00 a 19.00 horas.
A oferta lúdica estival no litoral carballés compleméntase coas numerosas propostas do programa de divulgación medioambiental Eu quero Razo-Baldaio. Este mércores 16 celebrarase a sexta actividade xa desta temporada, unha limpeza colectiva da marisma de Baldaio coordinada por Limpocean. Aínda quedan prazas! Se estades interesados/as podedes anotarvos aquí.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.