Monday 14 de July de 2025

A Pobra acollerá o VIII Trofeo Atletismo Barbanza, a última data no calendario do campionato galego


· O certame terá lugar este domingo, 20 de xullo, no estadio da Alta.

O mellor atletismo darase cita este domingo, 20 de xullo, no estadio da Alta. A instalación municipal acollerá o VIII Trofeo Atletismo Barbanza, unha proba organizada polo Concello da Pobra en colaboración coa Asociación de Atletismo e Deportes do Barbanza e a Federación Galega de Atletismo. Trátase da data de peche do calendario galego e, ademais, preséntase como a última oportunidade para que os e as deportistas acaden as marcas mínimas de cara ao Campionato de España Absoluto.

O Trofeo está aberto á participación de todos os atletas con licenza federativa en vigor na data da celebración da proba. Ao longo da xornada, reuniranse as probas de velocidade (100 metros lisos, 200 metros lisos e 400 metros lisos), medio fondo (800 metros lisos e 1.500 metros lisos) e lanzamentos de peso, disco e xavelina.

As inscricións son gratuítas e estarán dispoñibles ata mañá, martes 15 de xullo ás 22.00 horas, a través da páxina web da Real Federación Española de Atletismo. Non se establece un número máximo de persoas participantes.

As probas arrincarán o domingo, ás 17.30 horas, cos 1.500 metros de absoluto masculino e rematando, arredor das 20.25 horas, coa final absoluta feminina.

Deja un comentario