
• Estas iniciativas, que favorecen a conciliación familiar durante a temporada estival e de vacacións, están a levarse a cabo no Complexo Multiusos e no Centro de Ocio.
• “Estas propostas, totalmente de balde, permiten ás familias das Somozas conciliar a vida laboral, persoal e familiar e tamén ofrecen á rapazada un espazo divertido e educativo no que desenvolver habilidades sociais e aprender valores”, destacou Tembrás.
A rapazada das Somozas está a gozar este verán dunha alternativa de ocio educativo durante as vacacións escolares con dous campamentos de conciliación familiar e laboral, que se están a levar a cabo no Complexo Multiusos e no Centro de Ocio.
O Concello organiza estas dúas alternativas de ocio para a rapazada, que abranguen distintos rangos de idade e que teñen o obxectivo de que os nenos e nenas do municipio atopen unha alternativa divertida na que desenvolver relacións sociais e educativas. Dúas propostas que están a gozar dunha gran acollida por parte da veciñanza.
Así, as crianzas nadas entre os anos 2012 e 2020, están a desfrutar, desde o 30 de xuño e ata o 1 de agosto do Campamento de verán no Complexo Multiusos do municipio. Unha proposta, financiada polo Plan Corresponsables, que busca educar a través do xogo e da diversión, estimulando a creatividade e imaxinación nas crianzas, desenvolvendo as súas habilidades sociais fomentando o traballo en equipo e as súas capacidades creativas, manuais, artísticas, físicas e estéticas.
A rapazada participa en actividades relacionadas ca arte, a cultura, a música, ou o deporte; ademais de excursións e actividades complementarias.
Mentres, os nenos e nenas de 3 a 8 anos está a desfrutar do campamento de verán no centro de Ocio, que se leva a cabo de xuño a setembro. Nesta proposta ocio-lúdica, os nenos e nenas realizan actividades relacionadas coa arte, a cultura, a música e o deporte, así como tamén excursións e xogos ao aire libre.
O alcalde, Juan Alonso Tembrás, destacou “a gran acollida destas iniciativas que son totalmente de balde e que permiten ás familias das Somozas conciliar a vida laboral, persoal e familiar e tamén ofrecen á rapazada un espazo divertido e educativo no que desenvolver habilidades sociais e aprender valores”.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.