
– O alcalde de Ribeira participa na inauguración da exposición dos proxectos do alumnado da UIC Barcelona para a Mancomunidade de Barbanza Arousa
A Casa Ría da Fundación Ría abriu a exposición dos traballos realizados polo estudantado de cuarto curso de Arquitectura da UIC Barcelona School of Architecture, froito do acordo de colaboración entre a universidade e a Fundación RIA, creada polo arquitecto David Chipperfield. O acto contou coa presenza do alcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral e do pobrense José Carlos Vidal, quen valorou positivamente esta iniciativa.
No marco deste convenio, o alumnado desenvolveu proxectos piloto que propoñen estratexias sostibles para conectar o contorno construído coa natureza e a economía local da Mancomunidade de Barbanza Arousa. Durante o curso, os estudantes visitaron a Casa RIA en Santiago de Compostela, asistiron a conferencias e participaron en obradoiros de traballo, culminando co deseño de propostas que buscan unha rexeneración urbana e territorial respectuosa coa identidade e as necesidades da comarca.
Na súa intervención, o alcalde Luís Pérez Barral subliñou que “é unha honra ver como o noso territorio esperta interese en futuras xeracións de arquitectos que traballan desde a sensibilidade, o respecto polo medio ambiente e a vontade de mellorar a calidade de vida da veciñanza. Proxectos coma estes demostran que a colaboración entre administracións, universidades e entidades como a Fundación RIA é positivo para avanzar cara a un desenvolvemento máis sostible e pensado para as persoas.”
A exposición mostra os proxectos elaborados polo alumnado, que inclúen propostas de implementación, reflexións sobre materialidade, así como solucións técnicas para facer realidade as ideas presentadas. Este traballo conxunto exemplifica o compromiso da UIC Barcelona e da Fundación RIA coa formación de arquitectos preparados para afrontar os retos actuais desde unha perspectiva integral, vinculando arquitectura, sociedade e medio ambiente.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.