
― Nesta iniciativa do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo e Cosecha de Galicia SL mostráronse as variedades de cebada que amosaron os mellores rendementos, a maior calidade de gran e abonado que contribuíu a mellorar estas características
― Os asistentes puideron coñecer de primeira man os traballos de investigación realizados con diferentes variedades de cebadas malteiras e os estudos sobre fertilización
A Consellería do Medio Rural organizou en Abegondo unha xornada dedicada ás cebadas cervexeiras, co obxectivo de achegar ao sector agrícola os resultados dos ensaios realizados polo Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM). O evento, promovido polo propio CIAM e a empresa Cosecha de Galicia SL, en colaboración con Sementares SL contou coa participaron de destacados expertos na materia.
Durante a xornada presentáronse os resultados de investigacións sobre as variedades de cebada que amosaron os mellores rendementos e a maior calidade de gran, así como os tipos de abonado que contribuíron a mellorar estas características. Tamén se abordaron aspectos clave como os procesos de malteado, os requisitos dunha boa cebada para a cervexa ou os parámetros que inflúen tanto no malteado como na elaboración da bebida. Ademais, fíxose especial fincapé no avance xenético que supoñen as novas variedades malteiras.
Así mesmo, subliñouse o papel dos bioestimuladores e micronutrintes para mellorar a calidade do gran, reducir perdas por gran miúdo e acadar un contido en proteína axeitado. Outro dos puntos destacados polos expertos foi a importancia de producir lotes grandes e homoxéneos de cebada de calidade.
A xornada concluíu cun percorrido pola finca de ensaios, onde os asistentes puideron coñecer de primeira man os traballos realizados con diferentes variedades de cebadas malteiras e os estudos sobre fertilización.
Neste evento participaron o director do CIAM, Antonio Miguel Aguión; o investigador do CIAM, Luis Urquijo; así como José Luis Olmedo, Rafael Eraso, Elena Pardo e Alejandro García.
Cabe sinalar que o CIAM, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria adscrita á Consellería do Medio Rural, firmou un convenio coa devandita empresa Cosecha de Galicia en 2023 para testar novas materias primas co fin de desenvolver novas cervexas galegas con distintos aromas ou cualidades, empregando cultivos como o centeo, a cebada, o alforfón, o almatruz e o sorgo.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.