
A alcaldesa de Lousame e os voceiros municipais de PSOE e BNG solicitaron que se lle dedique o Día das Letras Galegas de 2027, coincidindo co 250 aniversario da súa morte
O presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, recibiu esta semana á alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, quen lle presentou o traballo realizado polo Concello de Lousame para a divulgación da figura e obra de Diego Antonio Zernadas de Castro, coñecido como o cura de Fruíme (1702-1777). Unha reunión á que a alcaldesa lousamiá acudiu acompañada dos voceiros do grupo socialista, Juan José Prego, e nacionalista, Anxo Moledo, dando así cumprimento ao acordo chegado no Pleno Municipal de xuño de 2024.
Nesa sesión, o Pleno lousamiá aprobara unha Declaración Institucional para propoñer a candidatura de Zernadas de Castro ao Día das Letras Galegas e acordara solicitar a reunión conxunta celebrada esta semana para presentar un informe sobre a figura do cura de Fruíme e a súa importancia como precursor do galeguismo, que lle foi entregado por Teresa Villaverde a Herique Monteagudo. “Quixemos estar presentes os representantes dos tres grupos municipais porque entendemos que esta é unha petición que reflicte o sentir de todo o pobo de Lousame e non só dun único grupo”, sinala Villaverde Pais.
Por iso, a rexedora e os edís interesáronse polo procedemento para facerlle chegar á Real Academia Galega unha proposta co obxectivo de que a institución lle renda homenaxe ao cura de Fruíme, dedicándolle o Día das Letras Galegas de 2027. “Presentamos un completo informe de todas as actividades que levamos feito para poñer en valor a figura de Zernadas e seguiremos traballando noutros proxectos, como a musicalización, produción e edición doutros dez poemas máis de Zernadas”, sinala Teresa Villaverde.
Zernadas 2027
Neste informe, titulado “Zernadas 2027”, o Concello de Lousame detalla o traballo realizado dende o ano 2005 para promover e divulgar a figura de Zernadas de Castro, así como as múltiples razóns que o fan merecedor de que se lle dedique un Día das Letras Galegas. Neste sentido, “nós propoñemos que se lle dedique a edición de 2027, coincidindo coa conmemoración dos 250 anos do seu pasamento”, apunta Teresa Villaverde.
O Concello de Lousame detalla neste informe “Zernadas 2027” un total quince actuacións realizadas nestes últimos 20 anos:
1- Homenaxes todos os Días das Letras Galegas no atrio da Igrexa de Fruíme, que inclúe ofrenda floral, lectura de poemas e actuacións musicais.
2- Colaboración do CPI Cernadas de Castro, que teñen editado un poemario e un vídeo sobre a vida e obra do cura de Fruíme.
3- Edición da obra literaria completa de Zernadas de Castro.
4- Organización de conferencias sobre a figura do Cura de Fruíme impartida por personalidades como Carlos García Cortés, José Manuel Rivas Troitiño ou Xulio Pardo de Neyra.
5- Edición de dous videopoemas a cargo da artista Esperanza Mara: A marquesa de Camarasa e Virxe das Dores.
6- Exposición de escultura e pintura da man de artistas como Che Tembra, Alfonso Costa e Juan Fajardo.
7- Elaboración dunha exposición itinerante sobre a vida e obra de Zernadas de Castro.
8- Reedición da separata da Revista Lumieira, con texto de Carlos García Cortés, de cara ao centenario do cura de Fruíme.
9- Musicalización de poemas de Zernadas de Castro a cargo do artista Xoán Curiel: Meu carballo, Ti estás cego e Meu Chipese.
10- Organización da I Romaría Cultural, con música, teatro, obradoiros culturais e lectura de poemas para poñer en valor a figura de Zernadas de Castro.
11- Colaboración coa Asociacion de Veciños Cernadas de Castro de Fruíme para promover novas actividades.
12- Creacion dun logotipo que promova a candidatura de Zernadas no ano 2027 #zernadas27
13- Organización dunha Andaina das Letras en Fruíme o pasado mes de maio.
14- Produción dun pequeno sainete teatral sobre o Cura de Fruíme
15- Inclusión da figura de Zernadas no cómic “Os Bolechas en Lousame”.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.