
O campo da festa do Tremo acollerá o domingo 13 de xullo, ás 21:00 horas, o Festival Folclórico de Brión coas actuacións de Os Garuleiros da Baña e das Escolas de Música e Baile Tradicional de Brión
A concelleira de Cultura de Brión, Sandy Cebral, inaugurou na noite de onte venres a exposición coas obras doadas polos artistas participantes no XVII Encontro coa Arte: Lembrando a Luísa Villalta, celebrado do 28 ao 30 de xuño de 2024. Cebral, que estivo acompañada por máis de medio cento de persoas, aproveitou tamén para mandar un agarimoso saúdo ao comisario Xosé Vázquez Castro, quen non puido participar neste acto por problemas de saúde.
A exposición recolle un total de 38 cadros doados polos artistas participantes no Encontro coa Arte de 2024: Alba Roqueta, Ángel Contreras, Antón Sobral, Carmen Martín, Chelo Rodríguez, Frutos Casado de Lucas, Isabel Pintado, Iván Prieto, Joaquín Cortés, José A. Regidor, José Galarzo, Laureano Vidal, Manuel Alpañés, María Carmen Martínez, María Manuela, María Xesús Díaz, Mariano Casas, Miguel Anxo Varela, Paco Casal, Rafa Arroyo, Ricardo Rilo, Siro, Tino Canicoba, Veiras Manteiga, Xosé Vázquez Castro e Xosé Vizoso. Unhas obras que pasarán a formar parte da pinacoteca municipal do Concello de Brión.
Sobre Xosé Vizoso, Sandy Cebral destacou que “este ano homenaxeamos a un gran artista, mellor persoa e gran amigo. Unha persoa que gustaba moito de parolar e, cando Vizoso falaba da súa infancia, sempre adoitaba dicir que se lembraba garabateando. Nacín cun lapis na man, sinalaba. Un lapis que non deixou na súa vida”.
Programación
Hoxe sábado 12 de xullo, a expedición do XVIII Encontro coa Arte: lembrando a Xosé Vizoso desprazouse ata o municipio de Porto do Son, onde están programadas dúas sesións de pintura ao natural, de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 18:30 horas. A partir das 21:00 horas, o centro social polivalente acollerá unha homenaxe a Xosé Vizoso, presentada por Siro López e coa actuación do grupo Os Quinquilláns, que porán en escena o espectáculo “Cousas de Castelao”, que conta cunha escenografía deseñada polo propio artista mindoniense.
O XVIII Encontro coa Arte: lembrando a Xosé Vizoso pecharase o domingo 13 de xullo cunha derradeira sesión de pintura ao natural no Paseo do Río Pego, de 10:00 a 14:30 horas. Os 25 artistas participantes no XVIII Encontro coa Arte: lembrando a Xosé Vizoso son: África de la Llave, Alba Roqueta, Ángel Contreras, Antón Sobral, Camilo Seira, Carmen Hermo, Caxoto, Chelo Rodríguez, Fernando Yáñez, Isabel Pintado, Joaquín Cortés, José A. Regidor, José Galarzo, Laureano Vidal, María Carmen Martínez, María Manuela, María Xesús Díaz, Mariano Casas, Miguel Anxo Varela, Paco Casal, Rafa Arroyo, Ricardo Rilo, Siro, Tino Canicoba e Veiras Manteiga.
Festival Folclórico de Brión
E para a tarde do domingo 13 de xullo, as Escolas de Música e Baile Tradicional do Concello de Brión, en colaboración co Departamento de Cultura brionés, teñen preparada unha nova edición do Festival Folclórico de Brión. Terá lugar no campo da festa do Tremo (Os Ánxeles) e incluirá dúas actividades.
Ás 20:00 horas terá lugar un obradoiro gratuíto de iniciación ao baile e á pandeireta do Val da Maía que, ás 21:00 horas, dará paso ás actuacións de Os Garuleiros da Baña e aos distintos grupos conformados polo alumnado das Escolas de Música e Baile Tradicional do Concello de Brión.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.