Monday 14 de July de 2025

Conta atrás para a apertura da nova área biosaudable da rúa Rafael Alberti, que incrementará os espazos deportivos no barrio de Elviña


O Concello ultima a instalación dos equipamentos de exercicio e tonificación física, aproveitando unha pequena praza ao aire libre onde tamén se renovou o mobiliario urbano

Nos vindeiros días, o Concello abrirá a área biosaudable da rúa Rafael Alberti, un espazo de nova creación coa que o Goberno de Inés Rey busca dar resposta a unha das principais demandas da veciñanza nesta parte do barrio de Elviña.
Os traballos estanse a levar a cabo nunha pequena praza situada entre as rúas Rafael Alberti e Antonio Machado, configurada como unha área de lecer “na que avaliamos a posibilidade de aproveitar aínda máis a superficie dispoñible e, desta forma, incrementar a dotación de espazos deportivos no distrito”, explicou a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz.

Neste sentido, e ademais da instalación dos novos equipamentos, orientados á práctica de exercicio físico e tonificación muscular de menor intensidade, tamén se acometeu a renovación do mobiliario urbano da praza, con novos bancos feitos con materiais máis resistentes fronte á erosión e ás condicións meteorolóxicas adversas.

As áreas biosaudables, moito máis que un equipamento deportivo Noemí Díaz, fixo fincapé no pulo que lle está a dar o Goberno de Inés Rey á creación —ou ampliación, en función dos casos— das áreas biosaudables nos diversos barrios da cidade.
“A meirande parte das persoas usuarias son veciñas e veciños en idades máis avanzadas. Por iso, entendemos que estes espazos non só contribúen á promoción de hábitos saudables como o exercicio físico, senón que tamén son puntos de convivencia e interacción que poden ter un impacto beneficioso en cuestións como a soidade non desexada”, explicou Díaz.

Nos últimos meses, o Concello habilitou novas áreas biosaudables en puntos como a praza do Parque (Monte Alto), a contorna da cancha de baloncesto do parque Europa (Catro Camiños) e tamén se renovaron as instalacións existentes na praza Padre Busto (Palavea) e no parque de Santa Margarida.

Deja un comentario