Monday 14 de July de 2025

O Aquarium Finisterrae acolle a exposición ‘Fotógrafos da natureza 2025’


A exposición coas mellores instantáneas do mundo natural deste ano estará na sala Isabel Castelo de xullo a decembro

Este verán volven ao Aquarium Finisterrae as mellores instantáneas do mundo natural na exposición ‘Fotógrafos da natureza 2025’. Contén as imaxes premiadas na última edición do European Wildlife Photographer of the Year, un dos concursos de fotografía de natureza máis prestixiosos do mundo, organizado pola Sociedade Alemá de Fotografía de Natureza (GDT nas súas siglas en alemán), e que ten como obxectivo incrementar entre o público a conciencia e o interese por preservar o medio ambiente. “Desde o Goberno de Inés Rey entendemos que os museos científicos son espazos vivos nos que teñen cabida numerosas mostras temporais que enriquecen o seu contido permanente, como é o caso desta e de tantas outras que promovemos ao longo do ano”, indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo.

A exposición contén un total de 85 fotografías que inclúen a mellor fotografía de cada categoría e mencións de honra e finalistas, distribuídas en nove seccións: Aves, Mamíferos, Outros animais, Mundo submarino, Eloxio das plantas, Paisaxes, O ser humano e a natureza, Forma e composición e Novos fotógrafos. Nesta edición presentáronse 18.000 imaxes enviadas por 928 fotógrafos e fotógrafas procedentes de 38 países. Das 85 imaxes premiadas, 15 corresponden a fotógrafos españois, incluíndo o gañador absoluto desta edición, Jaime Rojo, pola súa imaxe titulada «No bosque das monarcas». O autor describe así a fotografía:“As bolboretas monarca (Danaus plexippus) hibernan aniñadas nas árbores do Santuario da Bolboreta Monarca de El Rosario, en México. O clima a esta altitude é fresco e relativamente húmido, e as bolboretas adaptáronse ás mesmas condicións ecolóxicas que as árbores, na súa maioría abetos de Oyamel (Abies religiosa). As copas das árbores protexen ben as bolboretas das inclemencias do tempo e favorecen a súa congregación en grandes cantidades, pero mesmo o cambio máis pequeno na masa forestal podería ter un impacto negativo no sensible microclima ao que se adaptaron estes animais. A deforestación seguía sendo un problema a principios da década do 2000, malia as medidas de conservación que conduciron á creación desta zona protexida. Unha coalición internacional de gobernos e organizacións ecoloxistas sen ánimo de lucro liderada por México creou un fondo fiduciario para traballar coas comunidades locais co fin de reducir a deforestación, que diminuíu de forma constante desde 2009.”

Deja un comentario