
• O Concello entregou os galardóns de ámbitos como a narrativa, poesía, debuxo, e pintura
O Concello de Abegondo entregou no salón de plenos os premios do seu Certame Cultural das Letras Galegas, unha iniciativa que tivo por fin o de promover as diferentes manifestacións culturais e fomentar o cultivo destas entre a poboación do municipio. A convocatoria incluíu galardóns nas modalidades de narrativa, debuxo, pintura, e poesía.
O Concello estableceu varias categorías, atendendo á idade. “É un orgullo ver unha participación tan grande neste certame”, expresa o alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso.
En total, o Concello concede premios adaptados a cada categoría, valorados cun total de 2.000 euros.
En categoría Infantil, os pequenos de 3 a 6 anos concursaron no premio de debuxo e pintura. Ariadna Medían quedou en primeira posición e Álvaro Julien na segunda.
En Primaria, o 1.º premio de Narrativa foi para Hiar Fernández polo conto “A pandeireta perdida” e o 2º para Iván Centeno por “As estrelas doutro lado”. O accésit recalou en Noa Pedreira por “Ranila e a fábrica”.
Na disciplina de Poesía, Vera Piñeiro levouse o primeiro premio con “Cantareiras” e Estela Martínez o segundo con “Letras Galegas”. Houbo un accésit para Max Lens polo poema “Porque a lebre saltou”.
Na categoría de Secundaria, o premio de Narrativa foi para Daniela Seoane polo conto “Teño o teu cadáver” e o premio de Poesía para Carla Barros polo poema “Cantareiras galegas”.
Na categoría de Adultos, o premio de Narrativa foi entregado a Manuel Seijo polo relato “Moncha a cotorra” e o premio de Poesía a Alba Sánchez polo poema “Entre cantigas”.
Ademais, o Concello outorgou un premio aos mellores lectores das bibliotecas. O mellor lector do ano da Biblioteca do CEIP San Marcos foi Vera Piñeiro, da Biblioteca do IES Viós, Cristhin Andrea Ramírez, e da Biblioteca Pública Municipal de Abegondo, María Jesús Cancela.
As persoas participantes recibiron, ademais do agasallo, un diploma. Todo o público que asistiu ao acto levouse unha cunca co lema “Abegondo en galego”.
O Certame das Letras Galegas está organizado polo Servizo de Normalización Lingüística, que conta co financiamento da Xunta de Galicia e da Deputación Provincial da Coruña.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.