Saturday 12 de July de 2025

O Concello de San Sadurniño aproba as bases para tres convocatorias de axudas por valor de 37.000 euros


Trátase das subvencións para actividades culturais e deportivas e para a plantación de froiteiras autóctonas

 

A Xunta de Goberno Local de San Sadurniño aprobou esta mañá as bases reguladoras de tres liñas de axuda municipais que, en conxunto, suman un total de 37.000 euros. Trátase das subvencións para actividades culturais, dotadas con 10.000 euros —e outros 1.000 para entidades con local en propiedade—; as dirixidas a clubes deportivos, cunha reserva económica de 16.000 euros; e, por último, as dirixidas a fomentar a plantación de froiteiras autóctonas, que contan cunha partida de 10.000 euros. Malia que o Executivo local lle deu o visto e prace á redacción das bases, os prazos para solicitar as achegas aínda han tardar varios días en abrirse, dado que antes é necesario publicalas no Boletín Oficial da Provincia e na web do Sistema Nacional de Publicidade de Subvencións e Axudas Públicas.

A primeira das convocatorias ten como obxectivo apoiar o tecido asociativo cultural do municipio. As entidades sen ánimo de lucro que realicen actividades culturais poderán optar a un máximo de 4.000 euros por proxecto, segundo os criterios de puntuación establecidos nas bases. Ademais, tamén volverá haber unha liña específica de 1.000 euros para aquelas asociacións que conten con local en propiedade ou alugado, sempre que os fondos se destinen a mantemento ou equipamento do espazo.

No ámbito deportivo, o Concello reservará 16.000 euros para axudar a entidades deportivas que participen en competicións ou desenvolvan actividades de promoción do deporte. As subvencións cubrirán, por exemplo, gastos de funcionamento, compra de material, arbitraxes ou seguros. A contía que se conceda dependerá do número de licenzas federativas -maior puntuación se se trata de disciplinas olímpicas- e da titularidade das instalacións, entre outros criterios.

Cómpre ter en conta que ás subvencións de Deportes e de Cultura non poderán acollerse aquelas entidades que xa teñan subscrito ou vaina subscribir este ano convenio nominativo co Concello para o financiamento de actividades determinadas.

En canto á terceira liña de axudas, o Concello de San Sadurniño busca fomentar a plantación de variedades autóctonas de maceiras e outras froiteiras, como parte dunha estratexia de posta en valor do rural e da produción local. A convocatoria inclúe subvencións de ata 10 euros por planta cun máximo de 2.000 euros por persoa beneficiaria. Para acceder a estas axudas será necesario dispoñer dun terreo mínimo de 1.000 metros cadrados e comprometerse a manter as plantacións durante, polo menos, catro anos.

As tres convocatorias de axudas aprobadas esta mañá pola Xunta de Goberno Local comparten o procedemento de tramitación: as solicitudes deberán presentarse mediante a sede electrónica municipal no caso das asociacións e clubes deportivos -a lei obriga a facelo así- ou por rexistro presencial se se trata das solicitudes para froiteiras presentadas por particulares (aínda que tamén poderán tramitalas por vía telemática).

Porén, que ninguén se apure de momento, xa que antes hai que publicar as bases de cada convocatoria no Boletín Oficial da Provincia e na web do Sistema Nacional de Publicidade de Subvencións e Axudas Públicas, algo que podería producirse ao longo da semana que vén ou da última do mes de xullo. Estes requisitos son imprescindibles para que empecen a correr os prazos de solicitude, dos cales se informará a través da web e das redes sociais municipais.

Deja un comentario