Friday 22 de November de 2024

A XI Festa da Merenda de Aiazo sobreponse á choiva e reúne a centos de visitantes, que degustaron máis de 1.000 tortillas de masa


O orballo continuo fixo que a afluencia de familias fose menor e que destacara a presenza de público mozo de toda a comarca, que encheu o campo da festa durante as actuacións de Cinema e París de Noia

Varios centos de persoas desafiaron á choiva e participaron na undécima edición da Festa da Merenda de Aiazo, celebrada este domingo na parroquia de Aiazo (Frades). Dende a Asociación de Veciños “Os Pasos”, entidade organizadora da festa, confirman que repartiron gratuitamente máis de 1.000 tortillas de masa durante toda a xornada, mantendo así as cifras de anos anteriores.

O constante orballo caído durante a mañá fixo que algunhas das merendas familiares previstas na área recreativa de Aiazo non se celebraran e que o resto se fixeran baixo carpas preparadas para a xornada. Tamén se apreciou que o público familiar, que adoitaba pasar toda a tarde na festa, nesta ocasión optou máis ben fixo unha visita e levar as merendas para comer na casa, o que tamén incrementou as vendas por parte da comisión de festas. Pola contra, notouse un significativo incremento de mozos e mozas chegados de toda a comarca, que ocuparon gran parte da área recreativa.

As quendas organizadas coas 19 cociñeiras fixeron que dende as 12:00 e ata as 11:30 horas da noite fixeron que non deixaran de saír tortillas de masa con torriscos en ningún momento. “Foi un continuo ir e vir de xente”, confirma a presidenta da Asociación de Veciños “Os Pasos”, Charo Astray. Ademais das degustacións gratuítas, o que tamén se incrementou foron as vendas de merendas para levar a casa en caixas de pizza co logotipo da Festa da Merenda (que se vendían a 3 euros unha merenda e a 5 euros dúas). Isto, unido ao euro de colaboración que os asistentes poñían a cambio dun pano rosa conmemorativo, colabora ao financiamento da Festa da Merenda.

O alcalde de Frades, Roberto Rey, felicitou á asociación “Os Pasos” polo seu excelente traballo e destacou que “estamos diante dunha das grandes festas gastronómicas que se fan en Galicia grazas a produto tradicional e ao cariño e traballo co que o elaboran estas cociñeiras”. Roberto Rey estivo acompañado por todos os concelleiros do grupo de Goberno así como polo deputado autonómico Miguel Prado.

Música

A iso das 16:00 horas comezou a gran Foliada da Merenda, que contou coa participación dos grupos Reviravolta (Lardeiros), Agrocovo (Esteiro), Arnela (Carral), As Sobreiras do Ulla (Touro), Os do Pilón (Arzúa) e os locais Sarillo (Aiazo). Ás 19:00 horas comezou unha gran verbena a cargo das orquestras París de Noia e Cinema, que coincidiu co cese do orballo e posibilitou que centos de mozos e mozas de toda a comarca aproveitaran para bailar e comer “merendas” ata ben entrada a madrugada..

A Festa da Merenda é posible grazas ao traballo da Asociación de Veciños de Aiazo, que comeza días antes coa selección do touciño e demais ingredientes das tortillas de masa: auga, ovos e fariña, ambos caseiros, o que lles dá un sabor diferenciado a estas “merendas”. Se o primeiro obxectivo da Festa da Merenda era que os máis novos coñecesen a tortilla de masa e a importancia que tivo en décadas pasadas (cando era un dos pratos máis empregados na posguerra), agora a “merenda” converteuse nunha festa para todas as idades.