
A unidade móbil estará o mércores que vén na Laracha e en agosto tanto na Laracha como en Paiosaco e Caión.
Hoxe presentouse na Laracha a campaña de doazón de sangue de verán impulsada pola Axencia de Doazón de Órganos e Sangue baixo o lema “Este verán, antes de viaxar, doa sangue”.
O acto contou coa presenza do alcalde, José Manuel López Varela, a directora de ADOS, Marisa López, e a concelleira de Sanidade, Rocío López, que fixeron un chamamento conxunto á cidadanía para colaborar nunha época especialmente complexa como é o verán, cando as necesidades nos hospitais se manteñen pero as doazóns adoitan baixar.
Na comparecencia destacouse que A Laracha se consolidou como o concello con maior taxa de doazón da comarca de Bergantiños, con 54 por cada mil habitantes no ano pasado, unha cifra que representa un incremento de 6 puntos con respecto ao dato anterior e que sitúa o municipio 16 puntos por riba da media galega. Ademais, supera amplamente a taxa de referencia recomendada pola Organización Mundial da Saúde (OMS).
O alcalde, José Manuel López Varela, quixo agradecer expresamente “a xenerosidade e o compromiso da veciñanza coa doazón de sangue, un acto voluntario, altruísta e que salva vidas”. “Estamos orgullosos de ser o municipio da comarca con maior taxa de doazón, e desde o Concello imos seguir colaborando na difusión destas campañas para que cada vez máis xente se anime a doar”, sinalou.
Pola súa banda, a directora de ADOS, Marisa López, subliñou que no verán os hospitais galegos precisan 400 doazóns diarias para manter a actividade asistencial. “Doar é un acto xeneroso e imprescindible para manter a sanidade pública que temos e garantir o servizo que damos dende os hospitais galegos”, afirmou.
Marisa López explicou que os grupos sanguíneos con reservas máis baixas actualmente son o 0+, o 0- (grupo universal) e o B-, aínda que remarcou que todos son necesarios e benvidos.
En relación á Laracha, agradeceu a colaboración do Concello e destacou que o incremento das doazóns rexistrado “fala moi ben da solidariedade dos veciños e veciñas”.
Para facilitar a doazón, ADOS desprazará a súa unidade móbil ata o termo municipal da Laracha en varias datas no verán. Estará na Praza do Concello o mércores da semana que vén (16 de xullo) e tamén o 8 de agosto en ambos casos de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 21:00 h. O día 7 de agosto estará en Caión (Praza Eduardo Vila Fano) de 16:00 a 18:30 h e en Paiosaco (campo da feira) de 19:00 a 21:00 h.
Dende o Concello da Laracha faise un chamamento á participación da veciñanza nesta campaña, lembrando que cada doazón pode salvar ata tres vidas cun xesto que leva só uns minutos pero que ten un impacto incalculable.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.