Saturday 12 de July de 2025

O conselleiro de Cultura eloxia o potencial do audiovisual galego na súa visita á rodaxe de “Clanes”


— A Xunta de Galicia apoia este proxecto a través do fondo para a atracción de rodaxes

— Clara Lago, Tamar Novas e Xosé A. Touriñán continúan como protagonistas desta ficción co narcotráfico como pano de fondo

— A comarca do Salnés, a provincia da Coruña e a Ribeira Sacra son algunhas das localizacións nas que se desenvolve a filmación desde o pasado 26 de maio

A segunda temporada de Clanes, produción da galega Vaca Films para Netflix, fílmase estes días no concello de Oleiros, onde o equipo de rodaxe recibiu esta mañá a visita do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. A Xunta apoia a gravación en Galicia dos novos capítulos que lle darán continuidade á serie, despois do éxito de emisión da primeira entrega como un dos títulos máis vistos da plataforma.

O titular de Cultura do Goberno galego, que foi recibido por Emma Lustres e Borja Pena, produtores executivos, ademais de polos intérpretes protagonistas Clara Lago, Tamar Novas e Xosé A. Touriñán, felicitou os responsables desta ficción pola súa excelente acollida na primeira temporada, ao tempo que aproveitou a oportunidade para eloxiar, unha vez máis, a calidade e o potencial do audiovisual galego e a súa capacidade, como é o caso de Clanes, de acadar alianzas estratéxicas para amplificar a súa proxección nacional e internacional.

Os novos episodios retoman a historia da avogada Ana (Clara Lago) e de Daniel, membro do clan dos Padín (Tamar Novas). Despois de tres anos volven a verse envoltos no mundo do narcotráfico, aínda que desta vez en bandos opostos. Mentres Daniel, decidido a cambiar de vida, acepta saír ao mar para axudar o seu pai; Ana deberá volver a Cambados e traballar co clan que intenta ocupar o lugar dos Padín, despois da ameaza de morte dos colombianos.

O conselleiro de Cultura compartiu a xornada de traballo e presenciou a filmación dunha secuencia de acción clave na serie, na que os axentes de intervención entran nunha propiedade dos narcotraficantes colombianos.

Con dirección de Marc Vigil e guión de Jorge Gerricaecheverría, ademais de Clara Lago, Tamar Novas e Xosé A. Touriñán, forman parte do elenco os galegos Melania Cruz, Miguel de Lira, María Pujalte, Cris Iglesias, Chechu Salgado, Diego Anido, Nuno Gallego, Lucía Veiga, Pepo Suevos, Isa Naveiras, Luis Zahera, Fede Pérez, Susana Sampedro e Manuel Manquiña, os cinco últimos nomes como novas incorporacións nesta segunda temporada.

Atracción de rodaxes a Galicia
O apoio da Xunta a esta segunda temporada da serie materialízase a través da liña de subvencións para a atracción de rodaxes a Galicia, cofinanciada pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027. Este fondo, que actualmente mantén aberta a convocatoria de 2025 cunha dotación de 2,2M€, ten como obxectivo impulsar a proxección da nosa Comunidade como plató de producións audiovisuais lideradas tanto por empresas galegas como do resto de España e Europa, co conseguinte impacto económico tanto nas localidades que acollen as rodaxes como no conxunto da industria audiovisual galega.

Neste sentido, os 2M€ cos que se dotou a mesma convocatoria en 2024 foron adxudicados a sete proxectos, que supuxeron un retorno económico cifrado en 21,6 M€ e máis de 647 empregos nun estudo de investigación realizado pola Universidade de Santiago de Compostela.

No caso de Clanes 2, a rodaxe comezou o pasado 5 de maio e desenvolveuse durante tres semanas na zona de Cambados e outros puntos da comarca do Salnés. A partir do 26 de maio o equipo trasladouse á provincia da Coruña para rodar nas áreas da cidade herculina, Ferrol, Ares, Oleiros, Malpica e Narón. A filmación, con remate previsto o 31 de xullo, tamén incluirá localizacións da Ribeira Sacra, Castela e León, Madrid e Dublín (irlanda).

Deja un comentario