Saturday 12 de July de 2025

Aprobada definitivamente a nova ordenanza SITE, que compaxina a eficiencia enerxética dos edificios co respecto á estética urbana


O voceiro municipal, José Manuel Lage, anunciou na sesión que este mesmo mes licitarase o derrubo dos muros do parque do Observatorio. Asemade, tamén durante este mes comezará a elaboración dos Orzamentos do 2026

O Concello vén de obter 2 millóns en fondos da Fundación Biodiversidade, que permitirán crear máis zonas e pulmóns verdes nos barrios da cidade

A alcaldesa, Inés Rey, presidiu hoxe a sesión ordinaria do Pleno municipal, no que se aprobou definitivamente a nova ordenanza de Sistemas de Illamento Térmico Exterior (SITE), unha ferramenta coa que o Concello busca establecer un marco normativo específico que regule as intervencións nas fachadas dos edificios á hora de implantar sistemas que incrementen a súa eficacia enerxética.

O concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, Francisco Díaz Gallego, apuntou á importancia destas actuacións en edificios residenciais, mais tamén deste novo regulamento que permitirá determinar “criterios de conservación patrimonial que preserven a imaxe urbana da cidade, con respecto polas súas arquitecturas”.

Díaz Gallego lembrou que, nos últimos anos, A Coruña está a vivir múltiples intervencións desta tipoloxía. É o caso de bloques de vivendas como as torres de San Diego ou a torre Efisa. “As axudas públicas concedidas, ben europeas ou municipais, contribuíron a isto.
Agora, o que estamos tentando con esta ordenanza é compatibilizar esas necesarias melloras no parque de vivenda da cidade, fundamentais para que as veciñas e veciños gañen calidade de vida, garantindo tamén a conservación da paisaxe urbana tal e como lembramos no imaxinario colectivo”.

O texto, como xa se especificou tempo atrás, establece os requisitos específicos tanto para os edificios catalogados como para os que, pese a non estar catalogados, contan nas súas fachadas con elementos de singular protección.

Neste sentido, á ordenanza incorporáronse achegas e suxestións, que nalgúns casos se incluíron grazas ás aportacións dos técnicos municipais e da comisión do Plan Especial.

Novos avances na urbanización do polígono de Visma

Por outra banda, hoxe aprobouse definitivamente o estudo de detalle da mazá Z4-R3L do polígono de Visma, onde avanzan os traballos de urbanización previos á construción dos desenvolvementos residenciais alí previstos.
O concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, Francisco Díaz Gallego, explicou que “o estudo de detalle afecta a tres parcelas onde haberá un único volume edificable, en forma de L, con reaxustes nas rasantes e aliñacións interiores, tamén para delimitar o tipo de usos que haberá en cada zona da mazá”.

A biblioteca municipal de Palavea, un paso máis preto

Esta mañá, o Pleno aprobou por unanimidade o cambio de uso da parcela municipal que acolle, actualmente, o mercado de Palavea. Tal e como precisou o concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, e voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage, cualificarase como dotación de uso cultural.

Lage avanzou hoxe que esta medida supón “o primeiro paso, necesario, para executar a construción en Palavea da súa primeira biblioteca pública, mais tamén da súa primeira aula informática”. O concelleiro explicou que, ao longo dos anos, e tamén pola existencia dunha gran superficie comercial na contorna, “o mercado de Palavea foi perdendo actividade”, coa meirande parte dos postos baleiros.
“Agora, o Goberno de Inés Rey decidiu reverter estar situación aproveitando, ademais, os recursos existentes. Desta forma, propuxemos un cambio de uso para permitir que o mercado pase de praza de abastos a equipamento cultural”, concretou Lage, que adiantou que a intención do Goberno municipal é licitar a redacción do estudo de detalle e o proxecto  de xeito inmediato “para que a veciñanza poda disfrutar dunha nova infraestrutura cultural no horizonte dos anos 2027-2028”.

A este respecto, Lage concretou que o proxecto da nova biblioteca municipal de Palavea estará elaborado antes de que remate o 2025, a licitación terá lugar no primeiro trimestre de 2026 e a previsión é que esté rematada entre 2027 e 2028.

O Concello obtén 2 millóns de euros para crear e ampliar áreas verdes

Esta mañá, no Pleno municipal, a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, anunciou que a Fundación Biodiversidade vén de comunicar ao Concello a resolución provisional afirmativa na convocatoria de fondos para proxectos orientados á renaturalización de cidades.

Neste sentido, o Goberno de Inés Rey obterá 2 millóns de euros para acometer as intervencións do programa Coruña Verdea, que contempla 12 accións en barrios como Monte Alto e a Sagrada Familia, entre moitos outros, para mellorar a biodiversidade e crear corredores ecolóxicos que permitan gañar espazos verdes e novos pulmóns na paisaxe urbana da cidade, especialmente en distritos cunha maior densidade.

Aprobado o regulamento do Consello Económico e Social

Noutra orde de asuntos, hoxe aprobouse inicialmente o regulamento do Consello Económico e Social da cidade da Coruña, un órgano que recibiu luz verde da Xunta de Goberno a inicios deste mes.

José Manuel Lage apuntou que haberá un prazo de 30 días hábiles para recoller as posibles alegacións ou suxestións por parte da cidadanía, que contribúan ao perfeccionamento do texto.
“O Goberno de Inés Rey defende como parte da súa esencia os procesos abertos, plurais e participativos. Consideramos que as institucións deben abrirse á cidadanía, dándolle voz polos máis diversos métodos, entre eles a creación de órganos consultivos de carácter permanente e coa máxima representatividade social. Isto, e non outra cousa, é o Consello Económico e Social, un órgano cunha estrutura interna chamado a dar voz ao tecido social e produtivo da cidade. Era tamén este un compromiso adquirido co BNG, outro compromiso máis que agora cumprimos”, explicou Lage.

Lage apuntou que, como órgano consultivo e emisor de informes e ditames, o Consello Económico e Social da cidade da Coruña está chamado a ser un interlocutor permanente dos gobernos para valorar todos aqueles asuntos relevantes de interese público, “tendo como fins, entre outros, valorar os instrumentos de planificación estratéxica e aqueles outros de especial transcendencia para o desenvolvemento socioeconómico”.

O derrubo dos muros do parque do Observatorio licitarase este mes, no que tamén comezará a elaboración dos Orzamentos do 2026

Tamén esta mañá, no pleno municipal, José Manuel Lage avanzou que a elaboración dos Orzamentos Municipais de cara ao ano que vén, o 2026, arrincará este mes. Para tal o Concello aprobará este mes unha instrución que será remitida a todos os servizos. Lage adiantou tamén que o este mesmo mes de xullo licitarase o derrubamento dos muros que abrirá camiño á creación do parque do Observatorio, despois de que o Concello acadase a concesión dos terreos por parte do Estado, no pasado mes de xuño.

Deja un comentario