Saturday 12 de July de 2025

Belén do Campo anuncia o inicio das obras de reforzo de firme en 4 estradas dos concellos de Santa Comba, Mazaricos, Vimianzo, Camariñas, Zas, Dumbría, Malpica e Ponteceso cun investimento de preto de 3M€


― A delegada da Xunta visitou as zonas da estrada AC-441 que se arranxarán nos concellos de Santa Comba e Mazaricos

― A Xunta segue traballando para manter as vías de titularidade autonómica nas mellores condicións e para garantir a seguridade viaria

A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada pola directora territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, Begoña Freire, visitaron, esta mañá, as zonas na que se iniciarán en breve as obras de reposición do firme na AC-441 ao seu paso polos concellos de Santa Comba e Mazaricos, cun investimento de máis de 214.000 euros.

A delegada da Xunta explicou que esta actuación inclúese nun contrato máis amplo, que abarca un total de 4 estradas autonómicas, nas que se inclúe esta estrada AC-441 ao seu paso por estes dous municipios, e outras 3 máis da provincia da Coruña (AC-419. AC-432 e AC-442) que atravesan Vimianzo, Camariñas, Zas, Dumbría, Malpica de Bergantiños e Ponteceso, cun investimento de case 3M€ e que benefician a unha poboación de preto de 43.000 habitantes dos 8 concellos. As actuacións contempladas neste proxecto non implican a realización de ningunha expropiación, xa que están todas incluídas dentro da franxa de dominio público. O prazo de execución é de 4 meses, prevése que o inicio das obras sexa a finais do mes de xullo e rematarán antes de que finalice o ano.

A representante do Goberno autonómico explicou que os traballos, que se iniciarán en breve, consistirán nos treitos nos que non se consideran necesaria unha actuación maior realizarase a regularización das zonas máis deterioradas cun recrecido de firme de 5 cm de espesor. Nos treitos nos que se detecta un maior número de accesos a vivendas, aparcadoiros e bordos está previsto o fresado desde o límite da actuación e a súa reposición en ancho de carril completo. Ademais, nas zonas nas que sexa necesario intervir na estrutura do firme existente (rodeiras, afundimentos ou fisuras) levarase a cabo o fresado dos tramos afectados e o posterior asfaltado de 5 cm de espesor. Nalgúns tramos será necesario implantar a combinación de varias propostas , levando a cabo unha eliminación parcial e reposición do firme, seguida dun recrecemento.

Todas as intervencións de acondicionamento do firme completaranse co pintado da sinalización horizontal dos treitos de actuación de todas as estradas e a reposición dos treitos de barreira de seguridade que sexa preciso.

Belén do Campo destacou que esta intervención forma parte do esforzo da Xunta por manter as vías de titularidade autonómica nas mellores condicións e para garantir a seguridade viaria. A Xunta de Galicia segue a traballar para modernizar e acondicionar as estradas autonómicas, garantindo unha maior comodidade e conexión entre as vilas e cidades. O investimento, entre 2024 -2025, en obras de mellora de firmes nas estradas autonómicas nas comarcas de Bergantiños e costa da morte é de 6,6 millóns de euros e benefícianse 16 concellos.

Deja un comentario