Saturday 12 de July de 2025

O PP de Culleredo propón un plan integral de saneamento para saldar a débeda co rural


• Reclaman que se financie coa metade dos fondos provinciais do POS dos próximos anos, #ante a falta de orzamentos municipais

• Izaskun García, portavoz popular, insta o goberno local a identificar xa as zonas máis críticas de actuación para contratar os proxectos canto antes: “Presentamos a nosa proposta con tempo suficiente para que o fagan”

O Grupo Municipal do Partido Popular de Culleredo propón que o Concello priorice, a partir do POS de 2026, unha actuación integral de saneamento nas parroquias do rural. A iniciativa expón destinar a metade dos fondos do Plan Único de Concellos da Deputación da Coruña a dar resposta a unha “demanda histórica” que aínda non foi atendida en numerosos núcleos de parroquias como Boedo, Castelo, Castro-Laxe, Orro, Celas, Ledoño, Sueiro ou Sésamo. “O rural de Culleredo leva anos esperando por unha rede de rede de sumidoiros en condicións. É unha débeda pendente que debe saldarse dunha vez”, denuncia a portavoz do PP, Izaskun García.
A proposta nace do contacto directo cos veciños, a través da campaña “Rúa a rúa, escoitando”, coa que os populares percorreron o municipio durante meses recollendo as preocupacións máis urxentes da cidadanía. Entre elas, destaca de forma reiterada a falta de saneamento nas parroquias rurais. “Algúns veciños dixéronnos, literalmente, que viven como na Idade Media. Non falamos de melloras, falamos de servizos básicos que aínda non teñen e nunca chegan”, engade García.
O PP de Culleredo critica que, aínda que no POS de 2025 incluíuse unha intervención puntual no saneamento de Boedo, o resto de parroquias seguen sen unha resposta adecuada. Os investimentos do ano centráronse principalmente en reparación de beirarrúas e asfaltados, obras decididas “sen participación nin consulta previa cos grupos políticos nin cos veciños”, reprocha García. “Isto non vai de falta de recursos, senón de falta de vontade política e de prioridades. O rural segue sendo o gran esquecido polo goberno de Rioboo”, afirma.
A formación popular lembra que o Concello continúa operando con orzamentos prorrogados desde 2023, o que reforza a necesidade de utilizar os fondos provinciais do POS para abordar actuacións que melloren a calidade de vida dos veciños. Por iso, insta o goberno local a identificar e estudar xa as zonas máis críticas en canto a falta de saneamento e poder redactar e contratar os proxectos necesarios canto antes. “Presentamos a nosa proposta con tempo suficiente para que o fagan”, advirte.
O PP insiste en que Culleredo necesita planificación, responsabilidade e unha visión clara de futuro no uso dos recursos públicos, e esixe ao goberno de Rioboo que deixe de lado “os parches e as obras cosméticas” para actuar con determinación: “Esta é unha oportunidade para rectificar e cumprir por fin co rural”.

Deja un comentario