
Os traballos estarán divididos en dúas fases diferenciadas. A última, entre Enrique Dequidt e Nicaragua, onde estes días se están a mellorar as infraestruturas de saneamento
O Concello actuará nos vindeiros días na rúa Juan Flórez para renovar o firme da calzada en máis de 6.600 metros cadrados de superficie, unha medida coa que o Goberno de Inés Rey dá continuidade ao plan de intervencións de mellora nos viais e estradas de titularidade municipal.
No caso de Juan Flórez, os traballos estarán divididos en dúas fases. A primeira, a de máis envergadura, suporá actuacións no firme desde o cruzamento coa rúa Travesa do Monte, na Falperra, ata Marcial del Adalid. A continuación, esta primeira fase continuará no treito entre Menéndez Pelayo e a rúa Ferrol.
“Xa nunha segunda fase renovaremos o pavimento entre Enrique Dequidt e Nicaragua, que é onde estamos a traballar estes días para mellorar as canalizacións de saneamento. Como é habitual nestes casos, tras instalar os colectores é cando se procede a renovar o firme, así que será entón cando completemos a folla de ruta prevista en Juan Flórez”, precisou a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz.
Pola súa condición, sendo como é unha das principais arterias de circulación do tráfico rodado pola cidade, os traballos de asfaltado en Juan Flórez executaranse en horario nocturno e arrincarán, previsiblemente, na noite deste domingo ao luns. Díaz subliñou que, cada certo tempo, as intervencións en materia de renovación do firme “son necesarias para reforzar a seguridade viaria, xa que hai puntos da cidade onde a erosión do pavimento é máis marcada pola intensidade diaria de tráfico, como pasa con Juan Flórez”.
Neste 2025, máis de 1,8 millóns en investimento nas calzadas da Coruña
Sumando estas novas intervencións previstas en Juan Flórez, o Concello pasa xa dos 1,8 millóns de investimentos en renovar o firme das calzadas municipais no que vai de ano.
Ao longo deste 2025 actuouse ao longo do Paseo Marítimo —Pedro Barrié de la Maza e a contorna das Lagoas—, a avenida do Metrosidero e as Ánimas, a rotonda das Paxariñas e tamén en Catro Camiños, en diversos puntos de Agrela, en Linares Rivas e na praza de Ourense e tamén en Manuel Murguía e na avenida da Habana.
Ademais, estes días avanzan os traballos no núcleo poboacional da Silva, onde o Concello está a pavimentar os accesos desde a rúa Benela.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.