Saturday 12 de July de 2025

Rematou o primeiro campamento dixital do verán


Este verán duplicamos a oferta de campamentos dixitais en colaboración coa Fundación Esplai. Hoxe rematou na Aula CeMIT o primeiro dos catro campamentos do proxecto CRI-TIC que se desenvolverán ata finais de agosto, e que teñen como obxectivo mellorar as competencias dixitais da rapazada carballesa.

O concelleiro de Innovación, Iván Andrade, e a concelleira de Educación, Mar Eirís, entregaron os diplomas aos primeiros participantes.

Os grupos teñen un máximo de 12 participantes e están establecidos do seguinte xeito: do 1 ao 10 de xullo, do 14 ao 23 de xullo e do 18 ao 27 de agosto, para nenos/as de 9 a 13 anos, e do 4 ao 13 de agosto, para adolescentes de 14 a 17 anos. Para este último aínda quedan prazas. As inscricións deben realizarse a través da plataforma dixital da Aula CeMIT. As persoas que aínda non estean dadas de alta ou teñan dificultades para realizar o trámite poden achegarse ata as oficinas municipais do Fórum Carballo (2º andar) previa cita no 981 709 011.

En todos os casos, o horario do campamento é de 10.00 a 14.00. Ao longo da formación, os/as participantes abordarán os seguintes contidos:
Uso responsable e consciente da tecnoloxía e RRSS
Fake News: fiabilidade da información
Programación e robótica educativa
Intelixencia Artificial (IA) e Creatividade Dixital
Ciberseguridade e prevención do ciberacoso
Realidade aumentada e realidade virtual
Actividades lúdicas e lecer saudable
O obxectivo destas actividades, deseñadas e impartidas pola Fundación Esplai, é pechar a fenda social dixital dotando de competencias dixitais a nenos, nenas e adolescentes de 9 a 17 anos. Cada participante completará un itinerario formativo de 30 horas, ao remate das cales recibirá un diploma acreditativo como os que entregamos hoxe.

Deja un comentario