Saturday 12 de July de 2025

Volven as Festas do Apóstolo cunha programación “diversa e descentralizada” que arrancarán co pregón da deportista Blanca Millán


Pilar Lueiro presentou esta mañá o programa das Festas do Apóstolo 2025 que arrancarán o venres 18 de xullo co tradicional pregón a cargo da xogadora de baloncesto compostelá Blanca Millán, presente na rolda. Biznaga, Youssou N’Dour, Sés, Baiuca ou Maika Makovski son algúns dos artistas que encherán de boa música as prazas da cidade, nunhas festas nas que non faltará tampouco o folclore, as orquestras, a danza, os cabezudos, as alboradas…e por suposto os tradicionais espectáculos pirotécnicos o 24 e o 31. Ademais, as populares atraccións estarán na Alameda entre o 17 e o 31 de xullo con cinco días de horario inclusivo sen ruído para que poidan ser accesibles a todas as persoas.

A concelleira de Festas deboullou hoxe a programación dunhas festas “cunha programación para todos os públicos, con concertazos como os de Biznaga o día do pregón, Youssou N’Dour, Sés e Baiuca no fin de festa, e clásicos como o desfile dos cabezudos, alboradas, o torneo da chave e o Día do Traxe”. Ao tempo, sinalou Lueiro, “afiánzanse unhas festas que se consolidan como diversas, descentralizadas, para todos os públicos e toda a familia, nas que destacan a Festa Pícara o martes 22 de xullo no parque Eugenio Granell e o programa Compostela Cinema, con proxeccións nos barrios da cidade”.

O pistoletazo de saída será o venres 18 de xullo cun pregón a cargo “dunha muller nova e cunha traxectoria brillante que se suma á esta listaxe de grandes mulleres referentes de Compostela”, subliñou a concelleira, que salientou de Blanca Millán o seu “compromiso firme co deporte, especialmente co fomento do feminino, o que nos permite afianzar os valores de igualdade a todos os niveis”. Millán “xa tiña un currículo extraordinario: Peleteiro de Santiago, aventura americana con moito éxito, Gran Canaria, Ensino de Lugo e na actualidade no Baxi Ferrol, cunha tempada que acaba de rematar espectacular” pero ademais, engadiu, “representa o que queremos para este concello, unha aposta polo deporte de base e diverso, comprometido coa igualdade e pulando pola visibilización do deporte feminino”.

A pregoeira amosouse emocionada pola oportunidade que lle brinda o concello: “unha honra e un orgullo” poder abrir unhas festas “que tan ben definen Santiago”. Blanca Millán agradeceu “que pensaran en min porque entendo que cren no poder inspirador do deporte en xeral, e do deporte practicado por mulleres en particular” e reivindicou máis visibilidade para as disciplinas femininas: “gústame pensar que o deporte feminino é presente e futuro, e que non necesita xustificacións, só condicións xustas. As mulleres na cancha temos demostrado con creces o talento, o compromiso e a capacidade inspiradora. Hoxe que teño esta oportunidade, quero expresar o meu rogo a institucións, patrocinadores e medios de comunicación para que garantan o mesmo espazo, a mesma visibilidade e o mesmo respaldo que ao deporte masculino, non como un xesto simbólico senón como unha decisión firme pola igualdade real no deporte e na sociedade”.

A esta reivindicación se sumou a concelleira, que animou a toda a cidadanía a escoitar o pregón de Blanca Millán o venres 18 a partir das 21.30 h na praza do Obradoiro.

Cartaz das Festas

A edila tamén presentou a cartaz das festas, que este ano lembra o cartel que Castelao deseñou para as festas do ano 1912. “Este Ano Castelao non podiamos esquecer ao político que, dende o exilio, escribiu aquela ¡Compostela!: Eu vivín nove anos en Compostela cando Don Bruno tocaba o fagot, cando don Adolfo rasca o violín” e remataba dicindo que foran “bos tempos” aqueles nos que tamén se graduou en Medicina e desexando volver “verche, miña Compostela”.

O cartel reinterpreta o orixinal, cuxa reprodución se pode ver nos corredores do propio Pazo de Raxoi ou na exposición “Traxes e cores de Galiza” no Colexio de Fonseca, 113 anos despois.

Programación

Xa entrando no programa, os grandes espazos dedicados a espectáculos este ano serán Galeras, Praza de San Martiño Pinario, Mazarelos, Alameda, Parque de Bonaval, A Quintana, o Obradoiro, Parque Eugenio Granell e diversas localizacións no rural.

En Galeras estarán os concertos con moita música galega e en galego: Combos A casa do Rock (23), Aksak (24), Ker Cuez (25), Aida Saco (26), Francisco Castro Trío (27), Patrik García e Ginko Biloba (28), MJ Pérez (29) e Sheila Patricia (30).

Na Praza de San Martiño Pinario, a DANZA NO CAMIÑO o venres 18 con compañías procedentes de Taiwan, Andalucía, Extremadura e Galicia.

En Mazarelos: Peregrinos Musicais (29, 30, 31) e o domingo 27 o TradFest, que tamén estará en Bonaval.

Na Alameda, as orquestras: Grupo Alcázar (18); Grupo Bomba (19); Orquestra Alianza (24); Orquestra Galilea (25); Orquestra Los Coleguitas; Orquestra Miramar (31). No Palco da música, que se recupera para as actuacións, estarán As Tareixas o sábada 19 para o público familiar.

Na Quintana: Biznaga (18); Obradoiro de iniciación ás danzas urbanas e as Xornadas do Folclores (19); Día do Traxe (20); Sés (21); Youssou N´dour (22); Real Filharmonía (23); Saxos del Averno (24); Concerto Estrella Galicia con MAIKA Makovski (25); Lura (26); Baiuca (27); Serafín Zubiri e a BMM (30); e a Orquestra Bravú Xangai (31).

A Praza do Obradoiro queda reservada para o Día de Padrón no que actuarán as bandas municipais.

No Parque Eugenio Granell: o martes 22, a Festa Pícara con actividades dende as 12 da mañá con obradoiros, xogos populares, teatro, música…Rematará cun Concerto Tributo Lembra Xabarín ás 19.30H. Será unha festa con concertos accesibles mesmo para a xente xorda.

Logo do éxito de público do ano pasado vólvese programar Compostela Cinema. Proxectarase:

– O sábado 26 O amencer dos Nuggets e El orfebre de Olga Osorio, no parque Eugenio Granell, ás 20.30 h e 22 h, respectivamente

– Domingo 27: Antes de Nós, de Ángeles Huerta, na Praza da Lavacolla

– Luns 28: Xustiza artificial, no CSC da Gracia

– Martes 29: Rapa, no CSC de Laraño

– Mércores 30: Os Demos de Barro, en Verdía

Punto Lila e atraccións sen ruído

A concelleira lembrou que, como en anos anteriores haberá un Punto lila na Alameda do 19 ao 31 de 20 a 01 horas e cinco días de atraccións sen ruído: de 17 a 19 horas os días 19, 20, 21, 28 e 29. As atraccións estarán do 17 ao 31 de xullo.

Deja un comentario