Os visitantes que queiran achegarse nos días de Semana Santa xa teñen máis doado descubrir o patrimonio natural de Touro
O Concello de Touro acometeu a sinalización dos principais lugares de interese natural e paisaxístico do Concello. O proceso para dotar de sinais visibles nos cruces de estradas e noutros lugares estase levando adiante durante estes días para que o traballo poida estar rematado antes das xornadas festivas de Semana Santa, época na que ata o Concello de Touro achéganse visitantes e forasteiros para disfrutar da súa natureza. Ademáis da sinalización tamén se instalaron paneis informativos nas áreas recreativas da Santaia, Remesquide, Brandelos e Foxás-Grixó e nas dúas rotas de sendeirismo homologadas con que conta o Concello de Touro (Ribeira do Ulla e Roteiro dos tres ríos).
Esta acción para poñer en valor o patrimonio natural de Touro poido levarse adiante grazas aos programas de Promoción Turística da Deputación da Coruña. Previa á colocación das sinais, afrontouse un estudo e deseño da sinalización para coñecer os lugares onde deberían ir situados tanto os paneis informativos coma as sinais de dirección. A sinalización pretende facer de Touro un Concello máis doado de descubrir, fundamentalmente a súa desbordante natureza bañada polo río Ulla. O Concello lembra que todo este traballo ten como finalidade o acondicionamento, mantemento e posta en valor do patrimonio natural e cultural para así promocionar o seu territorio. Están sinalizados os lugares de interese natural e paisaxístico, as áreas recreativas, as rotas de sendeirismo, os espazos naturais á beira do Ulla, e o miradoiro e monte de San Sebastián, entre outros puntos. O Concello de Touro ten unha especial sensibilidade polo seu patrimonio natural e así trata de cuídalo e promocionalo para incentivar a chegada de visitantes ao longo de todo o ano. O alcalde de Touro, Ignacio Codesido, invita a todos os amantes de natureza a descubrir en calqueira época do ano as rutas, os montes, os ríos e as fervenzas que ofrece o Concello, moi próximo a Santiago e ben comunicado co resto de Galicia.