Saturday 12 de July de 2025

Este venres remata o prazo de solicitude da quenda de agosto da Aldea de Verán organizada polo Concello de San Sadurniño


Un total de 36 nenas e nenos gozan e aprenden desde a semana pasada na Aldea de Verán organizada pola área de Igualdade de San Sadurniño como poposta socioeducativa de conciliación durante as vacacións estivais. Piscina, excursións, xogos cooperativos, actividades creativas e unha chea de propostas enchen as mañás infantís baixo a coordinación do departamento municipal e da empresa LaGuaGua, que xestiona este ano o campamento. Un non parar que se está vendo favorecido polo bo tempo deste arranque do mes de xullo que, segundo parece, vai manterse durante a maior parte do verán. As familias que queiran botar man deste servizo durante o mes de agosto deben saber que este venres 11 ás 14:00h remata o prazo para botar as solicitudes. Quedan 13 prazas dispoñibles.

Para a actual quenda, a de xullo, foron admitidas 37 nenas e nenos. Porén, unha renuncia rexistrada no prazo de alegacións deixou en 36 o número de nenas e nenos participantes neste primeiro mes da Aldea de Verán.

En agosto volverá haber 35 prazas dispoñibles, das cales xa se cubriron 22 con peticións presentadas por familias empadroadas en San Sadurniño, que ademais de ter prioridade no acceso tamén puideron solicitar dunha soa vez os dous meses do campamento.

Deste xeito, para agosto quedarían aínda dispoñibles 13 vacantes, que se poderán solicitar ata as 14:00h deste venres 11 de xullo, ben presencialmente ou ben a través da Sede Electrónica Municipal, onde figura o procedemento específico cos formularios e a documentación que haberá que achegar.

E, mentres, as nenas e nenos, todas con idades comprendidas entre 3 e 12 anos, brincan desde a semana pasada á marxe de papeleos e prazos. E ademais aprenden cos obradoiros e actividades incluídos no programa de lecer activo desta edición da Aldea de Verán, titulada “Exploradores/as da Natureza”.

O nome suxire a convivencia -e as vivencias-, o contacto coa natureza e o xogo libre como ferramentas educativas. A Aldea de Verán está estruturada en quincenas temáticas, como “O bosque máxico”, “A vida no río” ou “Pequenos científicas e científicos da natureza”, nas que se explora o medio natural a través de contos, xogos, experimentos e manualidades. O campamento contará con actividades especiais como saídas a espazos naturais, visitas e festas temáticas, todo cun enfoque lúdico, participativo e adaptado por idades.

O luns, sen ir máis lonxe, as crianzas participarán na campaña de Sogama “Separa. Depende de ti” para concienciarse, por medio do xogo, sobre a importancia da redución e da reciclaxe. Dous días despois, o mércores 16 de xullo, irán de excursión ao Centro de Interpretación de Caldoval, en Mugardos, para visitar os xacementos romanos descubertos na enseada de Santa Lucía. Tralo percorrido cultural baixarán até a praia de Bestarruza para botar alí o resto da mañá.

A última cita da súa apretada axenda para a semana entrante será a obra “Pegadas de Castelao” que traerá Migallas Teatro á Casa da Cultura o venres 18 ás 11:30h, nunha xornada dedicada a homenaxear ao intelectual galeguista con motivo do seu 75º cabodano.

Deja un comentario