Saturday 12 de July de 2025

As obras de remodelación dos Cantóns avanzan coa reapertura da beirarrúa que conecta o Teatro Colón con Entrexardíns, ampliada e mellorada


A alcaldesa, Inés Rey, supervisou hoxe os traballos en marcha, que continúan en rúas como Alcalde Manuel Casás e Ambrosio Feijóo

As obras para remodelar os Cantóns avanzan segundo os prazos previstos e con novas intervencións xa rematadas. Hoxe, a alcaldesa, Inés Rey, supervisou a reapertura da beirarrúa que une Entrexardíns e o Teatro Colón, que nas últimas semanas foi remodelada e ampliada.
“Os traballos neste sector axilizáronse especialmente no treito que vai dende Entrexardíns ao acceso ao Copacabana, para favorecer o desenvolvemento das actividades culturais previstas na contorna ao longo deste verán”, explicou a rexedora.

Neste sentido, ao longo deste percorrido tamén é xa visible o bordo separador entre o futuro carril-bici que discorrerá entre o Teatro Colón e Entrexardíns, outra das novidades destacadas do proxecto, xa que o trazado ciclable dos Cantóns discorrerá, integramente, pola beira máis próxima aos xardíns de Méndez Núñez.

As actuacións xa executadas no treito entre o Teatro Colón e Entrexardíns tamén incluíron a creación dunha nova rede de recollida de augas pluviais e a disposición das novas redes de servizos municipais de iluminación e instalacións semafóricas.

En paralelo, melloras en Manuel Casás e Ambrosio Feijóo

A alcaldesa lembrou que, pola envergadura da intervención e tamén para minimizar as incidencias na mobilidade, formulouse un cronograma de traballos por fases específicas, que ao longo das últimas semanas tamén supuxo actuacións en rúas como Alcalde Manuel Casás, onde se renovaron as infraestruturas de saneamento e, actualmente, se está a demoler a beirarrúa no lateral de Correos para habilitar un novo pavimento de granito.

Por outra banda, en Ambrosio Feijóo construíuse unha nova rede de pluviais e, xa o vindeiro luns —sempre que as condicións meteorolóxicas sexan favorables— executarase o novo pavimento.

Traballos nos accesos e saídas dos aparcadoiros

O plan de actuacións previsto polo Concello tamén avanza estes días coa demolición do acceso do tráfico rodado ao aparcadoiro da avenida da Mariña, traballos que incluíron, ademais, a inspección do estado actual da estrutura.

A maiores, tamén se están a desenvolver as tarefas previas ao transplante do metrosidero que hai a carón da saída do aparcadoiro dos Cantóns. “É un exemplar cheo de simbolismo que seguirá a estar connosco nesta modernización da contorna do Obelisco. O que estamos a facer é preparar a árbore para, chegado o momento, trasladala á súa nova localización, xa que onde está plantada actualmente é necesario abrir espazo para habilitar un novo ascensor ao aparcadoiro, ascensor que a día de hoxe non existe e que é necesario para garantir a accesibilidade universal aos sotos do dito aparcadoiro”, precisou Rey.

Acompañada hoxe polo concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage, e a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, a alcaldesa puxo en valor a importancia desta actuación, “fundamental para gañar espazos públicos de calidade para a cidadanía e, de paso, abrir camiño á integración dos peiraos na cidade”.

Cun orzamento de máis de 7 millóns de euros, a reurbanización dos Cantóns entre a praza de Mina e a sede da Autoridade Portuaria é un dos proxectos máis ambiciosos que se fixaron como obxectivo de cara a este mandato, no que o Goberno municipal está a dar pasos firmes para que o porto forme parte da paisaxe urbana da Coruña.

Deja un comentario