
A xerente da marca de garantía da Xunta de Galicia valorou o compromiso da compañía coa calidade, a proximidade e a sostibilidade
A xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, reuniuse hoxe cos responsables de La Despensa D’Lujo nas súas instalacións de Coristanco (A Coruña) para facerlles entrega do certificado de uso da marca de garantía da Xunta de Galicia para os seus produtos, un selo que pon en valor a aposta decidida da compañía pola excelencia, a autenticidade e o respecto polo medio ambiente.
Durante a visita, Ana Méndez salientou “o esforzo da empresa por ofrecer un produto coidado, próximo e comprometido coa terra”. Subliñou tamén a aposta da marca por un modelo produtivo que impulsa a economía circular e minimiza o impacto ecolóxico, contribuíndo así ao desenvolvemento sostible do sector agroalimentario galego.
La Despensa D’Lujo é un exemplo de innovación con raíces: unha explotación familiar con máis de 20 anos de experiencia, liderada por Lucía e José, que mestura o saber tradicional recibido das xeracións anteriores coa aposta pola investigación e o desenvolvemento. Producen legumes, patacas e produtos da horta en pequenas parcelas de minifundio, sempre en clave artesanal e de proximidade.
O seu modelo baséase na agricultura rexenerativa, unha práctica que vai máis alá da sostibilidade: restaura solos, conserva a biodiversidade e mitiga o cambio climático mediante técnicas como a rotación de cultivos, o uso de compost propio ou a integración de coñecementos tradicionais e tecnoloxía moderna. O obxectivo da compañía é acadar un futuro no que a produción e a preservación ambiental sexan inseparables.
Grazas a esta distinción, La Despensa D´Lujo poderá lucir o selo Galicia Calidade tanto nos seus produtos como nas accións de promoción, así como na nova sinalización exterior da súa fachada, reforzando a súa imaxe de marca e o seu compromiso coa calidade e a sostibilidade.
Sobre Galicia Calidade
Galicia Calidade é a marca de garantía que certifica a calidade dos produtos e servizos que, pola súa elaboración en Galicia, pola súa materia prima ou deseño galegos, merezan esta distinción. Na actualidade, conta con máis de 170 empresas adheridas e máis de 880 produtos ou servizos avalados co selo de garantía, que engloban aos sectores agroalimentario, mar, turístico, xoieiro, industrial, xeotérmico e de planta ornamental.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.