
· ‘City of Agra, 128 anos na memoria’ celebrarase un ano máis en Camelle e Arou.
· Toda a fin de semana haberá ruta de petiscos a cargo dos bares.
O Concello de Camariñas acollerá esta fin de semana, do 11 ao 13 de xullo, a sexta edición do evento ‘City of Agra, 128 anos na memoria’, o maior programa cultural dedicado a un naufraxio en Galicia, que se desenvolverá en Camelle e Arou polos 128 anos da catástrofe do buque inglés.
A Asociación Naufraxios Galegos e o Concello de Camariñas, en colaboración con Mar Devalado, a Asociación Cultural A Folia da Faneca de Camelle e a Confraría de Pescadores de Camelle, organizan este compendio de actividades no que, ademais do programa deseñado, haberá exposición, feira mariñeira e concurso de tapas nos bares.
Venres 11
A programación arrincará o venres, 11 de xullo, coa inauguración da Feira Mariñeira no paseo marítimo de Camelle, que nesta edición contará con 26 postos de artesanía e gastronomía, principalmente.
Ás 19 horas terá lugar a visita guiada á grande Sala dos Naufraxios e da Historia Marítima de Camelle, situada no segundo andar do Museo de Man, espazo único en Galicia, que contén a historia dos afundimentos acontecidos na faixa de litoral pertencente á Confraría de Pescadores de Camelle e a historia mariñeira do propio pobo. Conta este espazo museístico, entre os seus numerosos fondos, con pezas orixinais de naufraxios (HMS Serpent, Santa Maria, Maria Laar, Kenmore… ), a exposición primixenia do City of Agra (obras de arte pictóricas, maqueta do barco, hemeroteca, fotografías, documentos orixinais, obxectos), unha fabulosa colección de maquetas de buques afundidos no noso litoral e de embarcacións mariñeiras locais, documentación, fotografías e obxectos orixinais da vida mariñeira do noso pobo.
Ás 21 horas, no palco situado na praza a carón do Museo de Man, presentarase o evento ao público e tralo discurso de apertura, comezará o acto de entrega de premios do VI Concurso de Ecafandros virtuais (celebrado o pasado Nadal) coa colaboración da asociación ambiental Mar de Fábula (con sede tamén en Camelle) onde haberá un acto previo, para renderlle unha sentida homenaxe a tres mergulladores camelláns que adicaron toda a súa vida a traballar baixo a tona do mar ao ferro, ao marisqueo e, sobor de todo a rescatar a moitos afogados. Estamos a falar dos irmáns Manolo, Paco e Modesto de Bajeras.
Ao remate desta entrega de premios, desfrutaremos da agardada obra de teatro Palilladas que principiará ás 21.30 horas, a cargo dos grupo de teatro de A Folja da Faneca e de Os Contos non Enchen.
Ás 23.30 horas, no escenario Principal, remataremos as actividades programadas para a xornada inaugural co concerto do grupo D´Bronteroc, formado pola parexa local Modesto e Alba. A actuación estará chea de colaboracións douitros artistas e de novos temas preparados para a ocasión, que fará deste espectáculo algo único.
Sábado 12
Principiará a xornada ás 10 horas, coa apertura da Feira Mariñeira no paseo marítimo de Camelle e ás 10.30 horas, dende o miradoiro de Lobeiras dará comezo o Roteiro animado dos náufragos do Agra, actividade sempre moi concurrida que ten un percorrido de 3,5 km rematando no Campo do Santo, en Camelle. Ten 14 paradas e 7 delas son teatralizadas, recreándose episodios históricos acontecidos neste litoral. Para esta edición hai 3 novas descubertas e novidades para os que veñan connosco a desfrutar deste percorrido espectacular e ateigado de tradición oral e patrimonial vencellada cos naufraxios e coa historia mariñeira.
Ás 14.10 horas, no escenario Principal, dará comezo o concerto de Adhara & Ritmann, que repite na nosa vila tralo éxito colleitado na pasada edición, grupo liderado pola súa grande vocalista Adhara Caamaño (a Cuncheira de Sofán) de presenza arrolladora no escenario e polo guitarrista Tito Barbeito.
Á tarde principiará cun obradoiro da asociación abientalista Mar de Fábula, para elaborar creacións con crebas e refugallos recolleitos da ribeira, ás 17 horas. Ás 20 horas dar comezo a Foliada, un acto que congrega unha boa multitude de persoas na praza do porto tralo seu desfile baixando dende O Campo do Santo. As bandas e grupos que actúan este ano son: Vaiche boa, Abrindo Rejo, Todo en Banda, Os Enxebres de Cabana, Mar Devalado, Jolpe de Mar e Escola de Baile de Camelle.
Ás 22.45 horas, dará comezo o acto máis simbólico, emotivo e agardado de toda a fin de semana: a Arribada dos náufragos ao porto de Camelle, tras ser salvados e auxiliados polos mariñeiros camelláns. A campá orixinal do City of Agra que, un día estivo a bordo deste buque, e que de seguro tocouse no derradeiro intento de avisar aos seus tripulantes para que abandoasen o barco, voltará a soar exactamente ás 22.45 horas, e inmediatamente despois, tres grupos de veciños percorrerán Camelle por tres rúas diferentes, converxendo na rampla do porto, dende onde embarcarán as jamelas para o rescate dos náufragos. Todo o acto está milimetrado, teatralizado e ben recreado, contando dende o alto da rampla cun presentador que vai describindo as tres etapas das que consta este acto, na compaña do concerto de música de cámara de Kreze, que ambienta este icónico momento que xa vivimos con eles na anterior edición. Outra banda emerxente de excelentes músicos. Coa chegada a porto dos superviventes, a súa acollida, atencións e coidados ofrecidos pola veciñanza de Camelle, darase por rematado o acto sacándose a foto final de grupo co colofón da sesión de lumes de artificio. Deseguido e, aproximadamente ás 12 da noite, dará comezo unha actuación de monólogos no palco do Teatro, a cargo dos 5 magníficos de Camelle: Demi Marcote, Luís do Prixelo, Lolo Castro, Ismael Cernadas e Alberto de Jillermina. Esta actuación pechará a segunda xornada.
Domingo 13
Principiará ás 10 horas coa apertura da Feira mariñeira. Ás 12.30 sairá o pasarrúas de despedida aos náufragos deterase pasados quince minutos no Palco da Música para recrear o acto de entrega de medallas do Goberno Británico aos tres patróns das embarcacións de Camelle que salvaron aos seus compatriotas náufragos. Sobre as 13.15 o grupo reanudará a súa marcha para facer unha segunda parada no monumento adicado ás empresas de Salvamento deste porto e aos náufragos da Costa da Morte, que serán homenaxeados polos nenos e nenas de Camelle, depositrando a súa ofrenda floral. Finalmente, os náufragos embarcan a bordo do vapor Pepe, rumbo ao porto da Coruña despedíndose da veciñanza de Camelle que tan ben os acolleu.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.