
— Reivindica a traxectoria do evento e o compromiso colectivo que fixo posible a súa continuidade ao longo de décadas
— Salienta que este certame é un exemplo de Galicia Calidade pola súa excelencia musical, a profesionalidade e a organización
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou este xoves en Ortigueira no arranque dunha nova edición do Festival Internacional do Mundo Celta ao que cualificou como unha das citas culturais máis relevantes de Galicia, e un referente internacional da música celta e da cultura atlántica.
Durante a súa intervención, puxo en valor o carácter identitario deste evento, que vai máis alá do ámbito musical para converterse nun espazo de encontro coa historia, a tradición e a capacidade de Galicia para proxectarse ao mundo desde a autenticidade.
Rueda salientou a combinación única que ofrece o Festival de Ortigueira, onde conviven tradición e vangarda, artistas consolidados e novas promesas, así como un público diverso que acode de múltiples países para desfrutar dunha experiencia cultural singular. Neste senso, destacou o papel fundamental da comunidade local, organizadores, voluntarios e institucións que, desde hai décadas, fan posible esta celebración grazas ao seu compromiso colectivo.
Aproveitou tamén para lembrar dúas efemérides destacadas que se conmemoran este ano: os 50 anos da Escola de Gaitas de Ortigueira e os 30 anos da recuperación do festival en 1995, tras varios anos de inactividade, facendo referencia ao apoio decisivo do Concello e de figuras destacadas como Raúl Piñeiro.
Finalmente, o xefe do Executivo autonómico reivindicou que apoiar Ortigueira é tamén apoiar a marca Galicia Calidade, un selo que, ao seu xuízo, se ve reflectido non só na excelencia musical do festival, senón tamén na súa organización, na profesionalidade, no acollemento e na forma de vivir a cultura.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.