
No día de hoxe vén de inaugurarse o “Curso especializado para a avaliación e intervención en violencia de xénero” que se impartirá do día 9 ao 11 de xullo, estase a desenvolver no Auditorio Municipal de Ribeira e organizado pola Universidade Internacional Menéndez Pelayo, baixo a dirección de Gualberto Buela-Casal, Catedrático de Psicoloxía Clínica, Unidade de Psicoloxía Xurídica e Forense da Universidade de Granada.
Este curso especializado ofrece unha formación integral en avaliación e intervención en violencia de xénero, abordando tanto aspectos forenses como psicolóxicos e xurídicos. Ao longo das sesións, expertos na materia analizarán ferramentas e estratexias para a identificación, prevención e tratamento da violencia de xénero en diferentes contextos.
Preto de cen alumnos/as que proveñen na súa maioría do mundo profesional, participará os tres días na posta en común do traballo que se está a desenvolver en materia de investigación, en seguridade representada nos corpos e forzas de seguridade do Estado, e nas políticas activas contra a violencia de xénero.
Á inauguración do curso asistiron, Luís Pérez Barral, alcalde de Ribeira, Carlos Andradas Heranz, Reitor da Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP), María Jesús Lorenzo Modia, Directora da UIMP en Galicia, Roberto Barba Alvedro, Director Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero da Xunta de Galicia, Jorge Rodríguez Serantes, Capitán Xefe da Garda Civil de Noia, Gualberto Buela-Casal, Catedrático de Psicoloxía Clínica e Director do curso, María del Mar García Vidal, responsable da Área de Servizos Sociais, Deputación Provincial da Coruña, Diego Amaya Díaz, Xefe da Comisaria da Policía Nacional de Ribeira e María Rosa Álvarez Prada, Decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia.
O acto de inauguración foi moderado por María Jesús Lorenzo, Directora da UIMP que puxo en valor a gran calidade do curso, “porque temos persoas que proveñen dos campos do dereito penal, da psicoloxía social, dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, do Consello Xeral do Poder Xudicial, das administracións públicas, da Xunta de Galicia, da dirección Xeral da Loita Contra a Violencia de Xénero…”. Lorenzo falou da complexidade do tema e resaltou a importancia destes cursos porque son “un avance para a loita da violencia de xénero e a violencia vicaria”.
O Director Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero da Xunta de Galicia, Roberto Barba, manifestou o orgullo de poder estar neste curso
con xente tan transcendente e con traxectoria na violencia de xénero, “nesta xornada imos a falar a intentar buscar as preguntas e as respostas adecuadas e sobre todo tendo en conta a calidade dos poñentes e da xente que vai a ilustrarnos con novos programas e novos recursos”.
O rexedor, Luís Pérez comezou a súa intervención interpelando a unha frase da filósofa, escritora y activista feminista francesa, Simone de Beauvoir “O feminismo é unha forma de vivir individualmente e de loitar colectivamente”. Con esta cita Pérez Barral apelou “á necesidade de transformar a nosa mirada individual nun compromiso compartido, decidido e valente contra a violencia que sofren as mulleres”. Falou da importancia do compromiso firme e decidido de todas as administracións, das forzas e corpos de seguridade, da xustiza, do ámbito educativo, sanitario e, por suposto, da sociedade civil. O alcalde manifestou a importancia de traballar de xeito coordinado e colaborativo, “sumando esforzos, coñecementos e recursos para protexer ás vítimas, previr as agresións e educar en igualdade”.
Para finalizar agradeceu a presenza a tódolos alumnos e alumnas do curso xunto cos poñentes e membros da Universidade Internacional Menéndez Pelayo; non quixo rematar sen agradecer o traballo que realiza a concelleira de Igualdade xunto ao equipo de técnicas que ten o Centro de Información á Muller de Ribeira.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.