
— A delegada visitou o concello de Laxe, beneficiario destas achegas, que lle están permitindo levar a cabo melloras nos miradoiros de Santa Rosa, da Insua e da Lagoa
— As achegas cobren o 100% do orzamento total da actuación
A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada polo alcalde de Laxe, Francisco Charlín, visitou este municipio para informar da resolución das axudas destinadas a concellos galegos, de menos de 10.000 habitantes, coas que a Xunta de Galicia busca o impulso e consolidación turística do rural galego ao tempo que promove a diversificación turística polo territorio.
Concretamente, no concello de Laxe contan cunha axuda de preto de 30.000 euros para levar a cabo varias intervencións, que se están a executar nestes días, que consisten na rehabilitación e mellora dos miradoiros de Santa Rosa, da Insua e da Lagoa.
Nesta liña, Belén do Campo explicou que o miradoiro de Santa Rosa está próximo ao núcleo urbano da localidade e está conformado por unha chaira, cunha superficie aproximada de 700 m², situada na cima do monte Cal do Castro e desde a que se pode ver toda a ría de Corme e Laxe, así como a praia urbana de Laxe. O desnivel vaise a protexer mediante un valado de madeira e na zona no linde suroeste colocaranse catro bancos de madeira.
A delegada referiuse tamén ao miradoiro da Insua, localizado no cruzamento dos viais que conducen ao cemiterio municipal e ao faro, que conta cun merendeiro, cunha superficie aproximada dun 125 m². O proxecto contempla o cambio das mesas e bancos existentes e o tratamento mediante verniz para exterior e intemperie da talanquera existente.
En canto ao miradoiro da Lagoa, situado no monte da Lagoa, nas proximidades do lugar de Coens, na parroquia de Sarces, trátase dunha chaira cun pavimento de lastra de pedra na que se arranxará o actual valado.
A delegada destacou que este ano aprobáronse na comarca da Costa da Morte, 7 axudas, nos concellos de Corcubión, Cee, Cabana de Bergantiños, Muxía, Dumbría, Coristanco e Laxe, por un importe de preto de 200.000€ e na provincia da Coruña preto de 470.000 euros, para 16 actuacións que teñen de prazo de xustificación ata o 31 de outubro deste exercicio.
Neste senso, a representante do Goberno autonómico destacou o potencial do turismo rural para estimular o crecemento da economía local. “Creemos firmemente que gracias ao turismo rural axudamos a estas zonas a loitar contra a despoboación, a xerar riqueza e, por suposto, a manter as tradicións e a cultura”.
Esta orde de axudas contou cun orzamento de 2 millóns de euros e o importe máximo da subvención é do 100 % do orzamento do investimento subvencionable, co límite máximo de 30.000 euros. En concreto, sufráganse actuacións de embelecemento dos accesos aos recursos turísticos que poden incluír a recuperación e tratamento paisaxístico da contorna dos recursos, iluminación ornamental, tamén a recuperación e creación de miradoiros paisaxísticos, rutas de sendeirismo e outros elementos de interese turístico e adecuacións de espazos destinados ao estacionamento de vehículos dos visitantes.
As axudas tamén inclúen o embelecemento dos recursos turísticos e dos bens declarados de interese cultural como o arranxo de vías, ocultamento de colectores de residuos que se atopen no propio recurso turístico ou BIC, así como eliminación de cableado aéreo e antenas de comunicacións.
Ademais, tamén son subvencionables as actuacións de posta en valor turístico dos recursos que poderán incluír as seguintes: rehabilitación ou restauración para a súa dedicación a usos turísticos distintos do aloxamento de persoas, recuperación de elementos de interese etnográfico ou da arquitectura tradicional. Tamén se apoia a sinalización turística dos recursos tanto na primeira instalación como a substitución en camiños, estradas e en núcleos urbanos.
Accesibilidade turística
Do mesmo xeito, estas axudas sufragan tamén intervencións de mellora da accesibilidade como a eliminación de barreiras arquitectónicas no acceso aos bens, recursos e rutas turísticas ou as destinadas a facilitar o acceso das persoas con algún tipo de discapacidade sensorial á información turística dos recursos.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.