
Un total de 26 artistas participarán en tres xornadas de convivencia que inclúen obradoiros de acuarela, un concurso de pintura infantil e xornadas de pintura do natural en Brión e Porto do Son
Brión acollerá ata o 30 de setembro a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, realizada co gallo do Día da Ilustración 2025
Un total de 26 prestixiosos artistas de distintos lugares do territorio nacional participarán no XVIII Encontro coa Arte: lembrando a Xosé Vizoso, que terá lugar en Brión do venres 11 ao domingo 13 de xullo. “Trátase dunhas xornadas de convivencia e creación artística que reúnen en Brión a pintores, músicos, fotógrafos e escritores de toda España que, ao longo de tres días, participarán en diferentes actividades de difusión das artes plásticas abertas a toda a cidadanía”, explica Sandy Cebral, concelleira de Cultura, quen salienta que “este ano estarán dedicadas a Xosé Vizoso, prestixioso ilustrador, deseñador e ceramista moi prezado en Brión, tanto que estamos traballando para distinguilo como o primeiro fillo adoptivo deste municipio”.
Seguindo o exemplo de edicións anteriores, os Encontros non estarán cinguidos exclusivamente a Brión. Se en anteriores convocatorias se visitaron municipios como Ames, Negreira, Noia, Padrón, Rois ou Rianxo, nesta ocasión están previstas dúas sesións de pintura ao natural en Porto do Son o sábado 12 de xullo: de 10:00 a 14:00 horas en e de 16:30 a 18:30 horas. Durante a celebración dos Encontros, a Sala Municipal de Exposicións de Brión habilitarase como “Mercado da arte”, onde a veciñanza de Brión terá ocasión de mercar obras dos autores presentes.
Programación
O XVIII Encontro coa Arte abrirá as súas portas este venres 11 de xullo cuns obradoiros de pintura de acuarela e modelado a cargo de José A. Regidor, José Galarzo e María Carmen Martínez. Estes dous últimos pintores volven a Brión despois de perderen o seu obradoiro en Paiporta, durante a dina do pasado ano. Un feito que motivou a celebración dunha exposición solidaria en Brión, á que se sumaron artistas participantes nestes Encontros, e que serviu para recadar fondos para a recuperación do taller. Estes obradoiros de pintura de acuarela e modelado están dirixidos tanto a crianzas como a persoas adultas, que poderán aprender nocións básicas para iniciarse nestas técnicas creativas. Os obradoiros son de participación gratuíta e terán lugar na contorna da Carballeira de Santa Minia o venres 11 de xullo, ´de 10:00 a 12:30 horas.
De 16:30 a 18:30 horas celebrarase o VII Concurso de Pintura e Debuxo Infantil e Xuvenil, dirixido a rapazas e rapaces de 4 a 17 anos e que terá lugar no paseo do Ría Pego. A participación é totalmente de balde e non é precisa inscrición. As obras deberán ser realizadas no Paseo do Río Pego, onde serán selados pola organización. Cada participante achegará todo o material que poida precisar para facer a súa obra, tendo total liberdade en canto a materiais e técnicas empregadas. A única esixencia é que o tamaño non poderá ser inferior a un A4.
Haberá 3 premios para cada unha das tres categorías establecidas de 50, 30 e 20 euros en vales para libros, xogos ou material escolar. Os premios serán entregados ás 21:00 horas na sala municipal de exposicións, durante a inauguración da exposición coas obras doadas no XVII Encontro coa Arte Lembrando a Luísa Villalta, celebrado en 2024. O acto rematará co espectáculo “Tríade”, do Colectivo Glovo, no exterior da sala municipal de exposicións.
Homenaxe a Vizoso
O sábado 12 de xullo, tras as sesións de pintura ao natural en Porto do Son, os artistas participarán nunha homenaxe a Xosé Vizoso, que terá lugar no centro social polivalente brionés a partir das 21:00 horas. Un acto presentado por Siro López, gran amigo de Xosé Vizoso, e coa actuación do grupo Os Quinquilláns, que porán en escena o espectáculo “Cousas de Castelao”. O espectáculo está aberto á participación de toda a veciñanza. A entrada é libre e de balde, ata completar capacidade.
Así mesmo, o centro social polivalente acollerá tamén a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, unha mostra homenaxe a este prestixioso artista organizada co gallo da celebración do Día da Ilustración 2025 e que foi inaugurada en xaneiro na Biblioteca de Galicia. Agora poderá visitarse en Brión ata o vindeiro 30 de setembro. Finalmente, os Encontros pecharanse o domingo 13 de xullo cunha derradeira sesión de pintura ao natural no Paseo do Río Pego, de 10:00 a 14:30 horas.
Artistas participantes
Os 26 artistas participantes no XVIII Encontro coa Arte: lembrando a Xosé Vizoso son: África de la Llave, Alba Roqueta, Ángel Contreras, Antón Sobral, Camilo Seira, Carmen Hermo, Caxoto, Chelo Rodríguez, Fernando Yáñez, Isabel Pintado, Joaquín Cortés, José A. Regidor, José Galarzo, Laureano Vidal, María Carmen Martínez, María Manuela, María Xesús Díaz, Mariano Casas, Miguel Anxo Varela, Paco Casal, Rafa Arroyo, Ricardo Rilo, Siro, Tino Canicoba, Veiras Manteiga e Xosé Vázquez Castro.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.