Thursday 10 de July de 2025

O concello avanza no procedemento de contratación da execución do proxecto que transformará servizos múltiples no edificio interxeracional


Nos próximos días o contrato será adxudicado pola Xunta de Goberno Local.

O Concello avanza no procedemento de contratación da execución do proxecto dirixido a reformar de maneira integral o edificio de Servizos Múltiples para transformalo no Edificio Interxeracional.

Hoxe reuniuse a Mesa de Contratación para proceder á apertura de plicas e valoración das ofertas técnicas e económicas dos catro licitadores de acordo aos criterios de valoración establecidos para a adxudicación do contrato. A proposta que resultou mellor cualificada foi a presentada por Ogmios Proyecto S.L., na que destaca a descrición técnica dos traballos a realizar, o plan de control de calidade, as medidas de control ambiental durante as obras, a redución do prazo de execución en 50 días e a oferta económica de 810.800 euros, o que supón un 10 % menos que o prezo máximo de licitación.

Nos próximos días prevese adxudicar o contrato a dita empresa por parte da Xunta de Goberno Local, que é o órgano municipal competente.
Grazas a este proxecto o edificio de Servizos Múltiples será convertido nunha instalación moderna, multifuncional, inclusiva e atractiva para persoas de todas as idades, xa que se fará mediante unha intervención arquitectónica e social enfocada a crear espazos nos que poidan convivir cidadáns de xeracións distintas (nenos, mozos, adultos e persoas maiores) para fomentar a interacción, o apoio mutuo e o sentido de comunidade.

O inmoble, situado na céntrica Avenida López Astray da capital municipal, consta de soto, planta baixa e tres plantas. O proxecto prevé unha redistribución dos espazos para optimizalos, incrementar as superficies e favorecer a accesibilidade para persoas que presenten dificultades físicas ou cognitivas.
As principais novidades serán a creación de aulas dixitais nas que ofrecer á cidadanía novas oportunidades formativas e de ocio e espazos dirixidos especificamente a acoller actividades xuvenís de diversa índole.
Gran parte do investimento irá dirixido a medidas relacionadas coa eficiencia enerxética, tales como a renovación da envolvente e dos sistemas de calefacción e ventilación. O Edificio Interxeracional tamén será dotado cun sistema de captación de enerxía solar fotovoltaica para o autoconsumo eléctrico.
A execución do proxecto será financiada polo Instituto para la Transición Justa ao abeiro da convocatoria de axudas dirixidas a proxectos e infraestruturas ambientais, sociais e dixitais no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia a financiar cos fondos europeos Next Generation.
O Concello valora a futura creación do Edificio Interxeracional como unha iniciativa de alto valor e relevancia desde os puntos de vista social e urbanístico, xa que polo seu emprazamento céntrico e características, o novo equipamento público será un punto de referencia para a cidadanía e beneficiará ao conxunto da poboación larachesa ao xerar un impacto positivo no benestar e no desenvolvemento de persoas de todas as idades.

Deja un comentario