Thursday 10 de July de 2025

O concello realizará en Caión un obradoiro de arte con lixo mariño


A iniciativa forma parte do programa Mar de Caión: un acercamento ao medio ambiente mariño e costeiro cofinanciado polo GALP Costa da Morte.

O Concello continúa organizando e ofrecendo á cidadanía actividades dirixidas a favorecer o desenvolvemento local, potenciar o turismo e poñer en valor o patrimonio ambiental e cultural do noso litoral.
O xoves da semana que vén, día 17 de xullo, realizarase un obradoiro de arte con lixo mariño no Centro Sociocomunitario de Caión a partir das 11:00 horas. Trátase dun taller creativo de ensamblaxe con plásticos recollidos nas praias para transformar o lixo mariño en esculturas colectivas.

Da man da asociación RetoqueRetro farase o deseño e a montaxe dos obxectos a partir dos residuos recollidos. As persoas participantes traballarán con ferramentas específicas baixo supervisión, motivo polo cal a actividade vai especialmente dirixida a persoas maiores de 16 anos de idade ou menores acompañados de adultos.

A inscrición é de balde e xa está aberta. Debe formalizarse chamando ao 981604328, por correo electrónico en turismo@alaracha.gal ou presencialmente na Oficina de Información Turística de Caión.

Este obradoiro de arte con lixo mariño forma parte do programa Mar de Caión: un acercamento ao medio ambiente mariño e costeiro, que conta cun orzamento total de 77.000 euros e está financiado pola Consellería do Mar da Xunta de Galicia a través do GALP da Costa da Morte, cofinanciado pola Unión Europea no marco do Fondo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura 2021-2027. O obxectivo final é implicar activamente á cidadanía na aprendizaxe sobre o medio mariño e costeiro, fomentando a súa conservación a través do coñecemento e o contacto directo coas prácticas tradicionais.

Deja un comentario