Wednesday 09 de July de 2025

O Concello convoca subvencións para deportistas oleirenses internacionais


Os equipamentos deportivos públicos do Concello facilitan os inicios e a formación deportiva de oleirenses que logran importantes triunfos en competicións estatais e internacionais. Para axudar ós deportistas do municipio, o Concello destina 12.000 euros á subvención dos gastos derivados da asistencia ás competicións de carácter internacional e tamén estatal, xa que moitas veces teñen que ser asumidos polos propios deportistas e as súas familias.

Para poder optar a esta subvención, os deportistas oleirenses terán que ter sido seleccionados para participar en eventos deportivos oficiais de carácter internacional, así como os e as que acudisen a campionatos de España ou internacionais e acadasen algún dos 3 primeiros postos no período que vai desde o 1 de agosto de 2024 ata o 31 de xullo de 2025.

Ademais, é preciso que os deportistas estean empadroados en Oleiros durante dous anos completos anteriores á data de publicación da convocatoria no BOP, así coma estar en posesión de licencia federativa en vigor da disciplina deportiva correspondente.

As persoas interesadas en percibir esta subvención poden facer a solicitude de xeito presencial na Fábrica ou a través da Sede Electrónica. O prazo de presentación de solicitudes remata o 20 de agosto.

Queda excluído da convocatoria calquera evento relacionado coa caza, a pesca, as actividades a motor e a categoría de veteráns de calquera competición.

Deja un comentario