
• Desenvolveranse desde o venres, 18 de xullo, ao domingo, día 20, ofrecendo un programa completo con propostas para todos os públicos.
• O sábado, día 19 de xullo, a actuación de Sés será un dos pratos fortes da xornada dentro do IX Festival Folk.
• O domingo, día 20, terá lugar a misa solemne e procesión marítima en honor á Virxe do Carme.
A Pobra dará, a vindeira semana, o pistoletazo de saída ao seu calendario de festas. Farao co inicio dunha das “citas estrela” do verán do municipio: as festividades de Carme do Castelo, que se celebrarán do venres, 18 de xullo, ao domingo, día 20. A sala de xuntas do Concello acolleu, esta mañá, a presentación oficial do programa, que correu a cargo da concelleira de Cultura, Patricia Lojo, e do presidente da Comisión de Festas Carme do Castelo, José María Abuín, tomando parte tamén os seguintes representantes: o tesoureiro, Ricardo Santamaría, e os voceiros, Juan Ramón Maneiro e Juan Manuel Fariña. Durante a súa intervención, Lojo felicitou aos membros da Comisión pola organización dunha programación “completa e variada na que se ofrecen propostas para públicos de todas as idades”.
A festividade está organizada pola Comisión Carme do Castelo e conta coa colaboración do Concello. Nesta edición, tal e como explicou a concelleira, “encargámonos de coordinar o programa do venres, con dous concertos de grupos locais e tamén de localidades próximas”. Deste xeito, o venres, 18 de xullo, subirán ao escenario Brumeigho e Sabela King & The Heartbreakers. O primeiro é un grupo pobrense especializado en música tradicional galega. O segundo, natural de Boiro, interpreta temas propios e versións de clásicos de Sam Cooke, Johnny Cash e Emily Loizeau. Con estas dúas actuacións, a edil reafirma a súa aposta “por darlles ás bandas locais un maior protagonismo na vida cultural do municipio, é algo importante para nós e que a elas lles serve para gañar visibilidade”.
O obxectivo do Carme do Castelo é, tal e como indicou o presidente da Comisión, “ofrecer unha festa tradicional como as de antes, unha cita que sirva para enxalzar a nosa cultura e os nosos costumes. Non queremos que se perdan as nosas tradicións”, explicou José María Abuín.
Xornada inaugural
O lanzamento das bombas de palenque o venres, 18 de xullo, ás 12.00 horas marcará o inicio da programación. Ese mesmo día, ás 20.30 horas, terá lugar unha sardiñada e foliada na Covecha. Ás 21.30 horas arrincarán os concertos de Brumeigho e Sabela King & The Heartbreakers na praza do Emigrante.
Sés, cabeza de cartel do IX Festival Folk
O sábado, 19 de xullo, tras o lanzamento das bombas de palenque (ás 10.00 horas), terá lugar un pasacalles a cargo da Banda de Música de Rianxo e haberá tamén alboradas polas parroquias por parte de Arrancadeira, Arume, Caraveiros, O Ar de Loureda e Xiada (10.30 horas). Sons do Peto levará a súa música aos locais de hostalaría ás 11.00 horas e, ás 12.30 horas, será a quenda de Arrancadeira, que ofrecerá música e baile tradicional polas prazas da vila. A Banda de Música de Rianxo dará un novo pase nos xardíns de Valle-Inclán ás 13.00 horas.
Ás 20.45 horas arrincará o IX Festival Folk na praza Alcalde Segundo Durán. Trátase dun evento que chega á súa novena edición e que, este ano, contará coas actuacións das pandeireteiras Arrancadeira e Mediarea. A cantautora galega Sés será o prato forte da cita musical, interpretando algúns dos seus temas clásicos como Tempestades de sal, Milonga de Aquí ou Non son fada, entre outros. O sábado rematará coa música de Deejay DB (ás 1.00 horas).
Xornada de peche
A xornada de peche será tamén unha das máis importantes para a Comisión. Tras as bombas de palenque, terá lugar unha alborada polas parroquias a cargo de Caraveiros, Os Pequenos do Barbansa, Trécola e Xiada, e cun pasacalles da Banda de Música Ateneo Musical da Pobra do Caramiñal (10.00 horas). Ás 11.00 horas tomará a remuda a agrupación Jaitas Blue, ofrecendo música polos bares e prazas do núcleo urbano e, ás 13.00 horas, a Banda de Música Ateneo Musical da Pobra ofrecerá un concerto nos xardíns Valle-Inclán.
Pola tarde, a partir das 19.00 horas, terá lugar a misa solemne na honra da Virxe do Carme na igrexa de Santiago do Deán. O oficio estará cantado polo Coro Parroquial. Ao remate da cerimonia terá lugar un dos momentos máis de maior significado para a Comisión do Carme do Castelo: a procesión marítima, que estará amenizada por Arrancadeira, da Banda de Música Ateneo Musical da Pobra e da agrupación Os Pequenos do Barbansa. Nesta edición, disporanse tres catamaráns con capacidade para 450 persoas. Trátase dun dos actos máis importantes para a Comisión e coa que buscan “render homenaxe a todas as persoas falecidas no mar”.
O programa concluirá con boa música. Ás 22.00 horas cunha actuación da Banda de Música Ateneo Musical da Pobra e, ás 23.30 horas, con Dj Jalaiko.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.