
Abandonar lixo fóra dos colectores ou en zonas naturais é unha conduta incívica que prexudica o medio e supón un custo adicional para o conxunto da veciñanza
O Concello lembra a existencia do Punto Limpo de Vilar do Colo, no que se poden depositar todo tipo de residuos especiais seis días á semana
O Concello de Fene quere denunciar publicamente a aparición de novos verquidos incontrolados, tanto nas inmediacións de colectores como en camiños e zonas de monte, e fai un chamamento á cidadanía para actuar con responsabilidade, respecto e educación.
Desde a área de Medio Ambiente insístese en que os colectores e papeleiras están deseñados para acoller residuos domésticos específicos, polo que deixar fóra deles restos de obras, electrodomésticos, mobles ou residuos perigosos constitúe unha infracción, ademais dunha grave falta de respecto ao ben común.
“Estas condutas incívicas teñen un impacto ambiental moi negativo, deterioran espazos públicos e obrígannos a mobilizar medios extraordinarios de limpeza, cun custo que se asume entre toda a veciñanza”, explica a concelleira de Medio Ambiente, Cristina García, quen sinala que “un xesto tan sinxelo como informarse de onde depositar certos residuos ou esperar á data de recollida correspondente pode marcar unha gran diferenza”.
O Punto Limpo de Vilar do Colo, ao servizo da veciñanza
O Concello lembra á veciñanza que Fene conta cun Punto Limpo situado en Vilar do Colo, no que se poden depositar de maneira gratuíta residuos que non teñen cabida na recollida ordinaria: madeira, mobles, entullos de obra doméstica, ferralla, voluminosos, electrodomésticos, plásticos e PVC, aceite vexetal e mineral, aerosois, baterías, filtros, fluorescentes, pilas, termómetros, tóners, disolventes, pinturas líquidas, radiografías, pneumáticos e restos de podas domésticas, entre outros.
O Punto Limpo permanece aberto de luns a venres en horario de 16:00 a 20:00 horas, e os sábados de 9:00 a 14:00 horas.
“Temos os recursos e infraestruturas necesarias para unha correcta xestión dos residuos. O que precisamos agora é máis civismo, máis respecto polo común e tolerancia cero co incivismo”, subliña Cristina García, quen tamén lembra que “a importancia de defender o medio ambiente e o benestar é unha causa de todas e todos”
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.