
A nave do Mercado de Moeche acolleu hai uns días a entrega dos diplomas do curso para o manexo dos equipamentos instalados no centro de transformación agroalimentaria A Fusquenlla. Nesta quenda formativa, de 15 horas en total, participaron 24 persoas que adquiriron coñecementos sobre seguridade, hixiene e tratamentos térmicos dos alimentos. Ter feito -e superado- este curso é imprescindible para converterse en persoa usuaria principal do centro. Con esta nova edición do curso son xa 70 as persoas acreditadas para transformar os seus produtos nas instalacións situadas no recinto feiral de Moeche. A formación prosegue este xoves cunha nova actividade dirixida á capacitación básica de axudantes das usuarias e usuarios principais.
O curso desenvolveuse en tres módulos. O primeiro, de carácter teórico, abordou durante cinco horas cuestións fundamentais como a definición de hixiene alimentaria, os tipos de contaminación dos alimentos, a xestión de alérxenos, a trazabilidade, os sistemas de autocontrol baseados na análise de perigos e puntos de control crítico (APPCC) e a normativa de etiquetaxe e rexistro sanitario, entre outros contidos. Tamén se explicaron prácticas correctas de manipulación, así como os plans de limpeza, desinfección e control de pragas.
No segundo módulo teórico, tamén de cinco horas, analizáronse os principios dos equipos utilizados para o tratamento térmico dos alimentos. O alumnado coñeceu a teoría sobre a conservación en autoclave, os valores de esterilización e pasteurización, a clasificación dos sistemas térmicos e os factores críticos que condicionan o proceso, así como a documentación e trámites regulamentarios asociados a este tipo de elaboracións.
A parte práctica da formación -as cinco horas restantes- permitiulles ás persoas participantes familiarizarse coas instalacións e cos equipos dispoñibles na Fusquenlla. Fixéronse prácticas de uso de maquinaria como a autoclave, a deshidratadora, a trituradora, o forno de convección, a prensa ou a dosificadora volumétrica, e tamén se aprenderon técnicas de medición de pH, limpeza efectiva de utensilios e aspectos específicos de seguridade no manexo de alimentos.
Formación para acompañantes
As persoas acreditadas poden solicitar desde este momento no Concello de Moeche a súa autorización para facer uso do Centro de Transformación agroalimentaria A Fusquenlla, seguindo o establecido no regulamento interno de funcionamento e pagando a taxa correspondente. En relación co día a día do centro, na Fusquenlla existe un grupo de traballo que xestiona o espazo de maneira autoorganizada, favorecendo así a planificación compartida dos procesos de elaboración e o aproveitamento eficiente dos recursos e equipamentos dispoñibles.
Ademais, este xoves 10 de xullo desenvolverase na Casa da Xuventude de San Sadurniño -18:00 a 20:00h- unha sesión formativa específica para persoas acompañantes das produtoras principais. A actividade, cun enfoque práctico e contidos reducidos, céntrase especialmente no manexo seguro dos aparellos e nas tarefas auxiliares como a carga e descarga de produtos ou a limpeza do obrador.
O curso ten un límite de dúas persoas acompañantes por cada produtora acreditada. A intención do proxecto A Fusquenlla con esta formación para axudantes é facilitar o traballo colaborativo e garantir unha mellor organización nas sesións de elaboración, sobre todo no caso das produtoras e produtores de autoconsumo.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.