
O programa municipal ofrece á cidadanía de luns a venres sete actividades gratuítas diferentes en once puntos da cidade sen necesidade de inscribirse
A alcaldesa, Inés Rey, visitou esta mañá unha das sesión do programa municipal Coruña en Forma que se están a desenvolver, de luns a venres e durante os meses de xullo e agosto, na explanada da dársena de Riazor. A rexedora destacou a importancia de manter hábitos de vida saudables durante o verán.
“É moi importante que a cidadanía, sexa cal sexa a súa idade e condición, practique deporte os 12 meses do ano e por iso desde o Goberno municipal impulsamos cada verán un programa de actividades deportivas gratuítas en diferentes espazos da cidade”, indicou Rey, que estivo acompañada polo concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez. O programa municipal Coruña en Forma celébrase nos meses de xullo e agosto, de luns a venres, en 11 espazos diferentes da cidade, levando a diferentes barrios actividades deportivas de mantemento físico de balde e abertas a toda a cidadanía, sen importar a súa idade e condición física.
Coruña en Forma conta con sete modalidades deportivas que se poden practicar en horario de mañá e tarde e están dirixidas por persoal especializado, que guía ás persoas participantes cun nivel de intensidade moderado. As modalidades son: ioga, tai-chi, ximnasia aeróbica, zumba, maiores en forma, pilates e tonificación muscular.
Entre os 11 espazos nos que se desenvolve esta iniciativa destaca a incorporación do parque de Eirís ao programa. Os puntos onde se está a celebrar son: miradoiro do Matadoiro, parque Europa, Barrio das Flores, praia de Riazor, praza Elíptica, parque de Vioño, praza dos Mariñeiros, praza dos Avós, Novo Mesoiro (campo Cruyff Court), praza de Espazo Coruña e praza de Eirís.
Toda a programación e as actividades de cada un dos espazos pódese consultar na páxina web coruna.gal/enforma.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.