Thursday 10 de July de 2025

A alcaldesa Goretti Sanmartín confirma que a familia Franco asume devolver a estatuas dos profetas do Pórtico


A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, compareceu este mércores ante os medios de comunicación para informar de que o Concello recibiu hoxe un burofax do avogado da familia Franco no que recolle da vontade expresa de cumprir a sentenza que a obriga a devolver as estatuas dos profetas do Pórtico atribuídas ao Mestre Mateo. A rexedora compostelá deu instrucións internas para iniciar os trámites co fin de traer de volta as dúas figuras o máis axiña posible e indicou que o Concello se porá en contacto coa Administración do Estado e a Dirección Xeral de Patrimonio.

A rexedora compostelá  explicou que xa deu instrucións internas hoxe para iniciar as accións que se deben adoptar, a comezar por analizar cal é procedemento e para “buscar a maneira más rápida de traer as estatuas”. En canto á localización, confirmou que se traballará da man das persoas expertas para buscar o mellor sitio, que reúna as condicións técnicas de conservación e tamén poidan estar expostas ao público permanentemente. Ademais, a alcaldesa indicou que ligada á devolución das estatuas, deberá haber unha explicación que fique para as xeracións vindeiras e actuais.

Goretti Sanmartín recoñeceu o traballo de todos os colectivos de loita pola memoria histórica e singularmente á asociación O Sorriso de Daniel. Tamén fixo extensivos os recoñecementos aos agradecementos a persoas, entidades e institucións, os alcaldes Martiño Noriega e Xosé Sánchez Bugallo, ao persoal da Asesoría Xurídica e de Patrimonio do Concello e a todos os colectivos que levan anos “deixándose a pel para facer realidade que o que foi espoliado e roubado volva a onde non debeu saír”.

En definitiva, Goretti Sanmartín remarcou que hoxe demos os primeiros pasos para que, da maneira máis rápida posible, traer os profetas para o concello, e iniciamos o procedemento de consulta e asesoramento de escoita para decidir os requisitos de conservación técnica e de exposición pública.

Deja un comentario