
Acabamos de pechar unha fin de semana marcada polas trinta edicións do Festival do Río Castro, que volveu ser todo un éxito polo bo tempo e pola calidade dos concertos que ofreceron os grupos convidados este ano. Metidas como estamos no verán, a festa continúa aquí e acolá. E no noso concello temos unha nova cita para a fin de semana: o San Cristovo en Ferreira de arriba o sábado e o domingo. Trátase dunha das festas con máis raíz de San Sadurniño e é unha das poucas que nunca, ou case nunca, queda por facer. Este ano haberá dous días de troula.
O primeiro día da festa será este sábado 12 de xullo, nunha xornada que arrancará ás 13:00h con misa na capela do santo, seguida dunha sesión vermú animada pola Orquestra Ritmo. A verbena da noite contará tanto con esta formación como co Dúo Veneguay.
O domingo13 os actos relixiosos están postos para as 14:00h e, unha vez rematen, comezará unha “función” (sinónimo na nosa zona da parte festiva do mediodía) coa Orquestra Escaparate. A comisión optou por facer neste segundo día unha sesión vermú longa e suprimir a verbena da noite, seguindo así unha moda iniciada hai uns anos que hoxe está totalmente asentada nas celebracións patronais do rural galego.
O San Cristovo foi de sempre unha festa de merendadas, a pesar de que este costume foi perdéndose. Neste sentido, a Asociación veciñal Adiante de Igrexafeita ten aberto ata hoxe o prazo para anotarse na comida campestre que teñen previsto facer o sábado ao pé da festa (levan carpa). Para anotarse ou obter máis información hai que chamar ao 696 912 975 ou 650 484 580.
Lembrámoslles ás comisións de festas e entidades veciñais que para publicitar os seus eventos na web e nas redes sociais municipais deben enviar o cartel ou a información básica ao correo concellodesansadurnino@gmail.com, ou ben mandar unha mensaxe a través de Facebook.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.