
O Concello de Neda activa, un verán máis, o seu programa de lecer “Miúdo verán. Cultura en familia”. A cuarta edición deste ciclo incluirá ao longo dos meses de xullo e agosto tres espectáculos para o público infantil e familiar e dúas proxección cinematográficas ao aire libre en distintos escenarios do municipio.
Froito da colaboración co Agadic, e no marco das accións para dinamizar as localidades polas que discorren as diferentes rutas xacobeas, chegan propostas de ilusionismo, de clown e máis de danza e novo circo.
Así, “Miúdo verán” arrincará o xoves 17, ás 20 horas, na contorna do albergue de peregrinos, co espectáculo “O afiador”, protagonizado polo coñecido Mago Teto. As historias dos afiadores, que percorrían milleiros de quilómetros coa única compaña da súa roda chega á escena coa axuda do ilusionismo. E faino nun show que emprega os elementos típicos dos afiadores (coitelos, tesoiras, navallas, paraugas…) para os efectos de maxia.
A seguinte cita será o xoves 31 de xullo, á mesma hora, pero no Parque do Principiño. Neste espazo de xogo, Fran Rei e Félix Rodríguez presentan “Máis saaabor!”, unha proposta de sobre o mundo da gastronomía e da alimentación saudable, que mestura música en directo, maxia, e moito humor.
E xa o xoves 7 de agosto, ás 20 horas, no Campos dos Subarreiros, Cía. SU.MA (Sue Moreno y María Move) sorprendera ao público con “Ikigai”, un espectáculo de danza-circo sobre a superación persoal e o sentido da vida, no que non faltan os xogos, as acrobacias aéreas e a ópera.
Finalmente, “Miúdo verán. Cultura en familia” incorpora, da man da Rede cultural da Deputación, dúas sesións de cinema de verán os martes 12 e 19 de agosto, a partir das 22 horas. A primeira proxección, de novo na contorna do albergue, será a da película española Salta!!, unha irresistible comedia familiar sobre a complicada relación de dous irmáns adolescentes. E o programa pecharase na rúa Real coa cinta de animación Migración. Unha viaxe patas arriba. Todas as actividades serán de balde.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.