Wednesday 09 de July de 2025

Ribeira presenta novos roteiros turísticos en bicicleta eléctrica


No día de hoxe Francisco Suárez-Puerta, concelleiro de Turismo, anunciou a posta en marcha “dun completo programa de roteiros deseñados para mergullarse na rica historia e cultura da nosa terra”.
Estes roteiros estarán dispoñibles todos os martes dende o 15 de xullo ata setembro en horario de mañá, ofrecerán unha oportunidade única tanto para residentes como para visitantes “de explorar e conectar con eventos e personaxes históricos significativos, ademais de descubrir a beleza das paisaxes da rexión”, sinalou o concelleiro.

O itinerario foi coidadosamente elaborado para que os participantes poidan coñecer os momentos clave que formaron a identidade das nosas vilas mariñeiras, observando como evolucionaron desde as súas orixes ata a actualidade. Suárez-Puerta salientou que o obxectivo principal “é ofrecer unha visión completa das parroquias visitadas, entendendo a súa historia e o seu proceso de transformación ao longo do tempo”.

Este ano, o programa enriquécese coa incorporación de dous novos roteiros.
Un deles é o roteiro a pé en Corrubedo, que permitirá aos asistentes coñecer os segredos desta emblemática localidade. O segundo roteiro é en bicicleta eléctrica por Oleiros e Olveira, que ofrecerá unha perspectiva innovadora e ecolóxica: “mediante este percorrido, os participantes poderán descubrir as parroquias de Oleiros e Olveira desde unha visión máis dinámica, gozando da paisaxe e a historia con maior facilidade e comodidade”.

O roteiro en bicicleta eléctrica facilita unha conexión máis profunda coa contorna, permitindo aos participantes apreciar a beleza natural e cultural da zona desde unha perspectiva fresca e moderna. Esta iniciativa busca promover un turismo sostible e accesible, achegando a historia e o patrimonio local a todos os públicos.

Para rematar Suárez-Puerta, convidou aos veciños e visitantes “a sumarse a esta experiencia cultural e enriquecedora durante os meses de verán”. Para máis información e inscricións, poden chamar á Oficina Municipal de Turismo de Ribeira no 981 873007 ou consultar a axenda de Turismo en www.turismo.ribeira.gal/axenda
INFORMACIÓN DE INTERESE PARA O PÚBLICO
– Inscricións: na Oficina Municipal de Turismo (Malecón) ou chamando a 981873007
– Horario dos roteiros: de 10.30h a 13h (duran 2,5h)
– Para os Camiños a pé, nº máx. de persoas 40 e nº mín. 6
– Camiño en E-bike mínimo 3 pax
Camiño de Onte (Ribeira)
Camiño do Sal (Castiñeiras-Aguiño)
Camiño do Castelo (Palmeira)
Camiño do Faro (Corrubedo)
Camiño Eléctrico (Oleiros e Olveira): percorre Oleiros e Olveira e en bicicleta eléctrica explorando as súas paisaxes e recunchos dende unha perspectiva activa. Grupo min. 3 persoas / máx.: 5 persoas.Ten que ser en bicicleta eléctrica, no caso de non dispoñer de e-bike pódese alugar en Dalle Pedal (37€): inclúe casco e asistenciaen ruta

CAMIÑOS AUTOGUIADOS
Estamos a traballar na creación de audioguías que lles permitirán ás persoas realizar os camiños de xeito autónomo, ao seu ritmo e con toda a información necesaria. Estas audioguías estarán dispoñibles proximamente na páxina web oficial de turismo: turismo.ribeira.gal
CRONOGRAMA DOS ROTEIROS
XULLO
15 – Camiño do Faro (Corrubedo)
22- Camiño de Onte (Ribeira)
29- Camiño do Sal (Castiñeiras- Aguiño)
AGOSTO
5- Camiño do Castelo (Palmeira)
12- Camiño de Onte (Ribeira)
14- Camiño Eléctrico (Olveira- Oleiros)
19- Camiño do Faro (Corrubedo)
26- Camiño do Sal (Castiñeiras- Aguiño)
28- Camiño Eléctrico (Olveira- Oleiros)
SETEMBRO
2- Camiño do Faro (Corrubedo)
9- Camiño de Onte (Ribeira)
16- Camiño do Castelo (Palmeira)
23- Camiño do Sal (Castiñeiras- Aguiño)
30- Camiño do Faro (Corrubedo)
Contacto:
Concellería de Turismo de Ribeira
Teléfono: 981873007
Email: turismo@ribeira.gal
Web: turismo.ribeira.gal/axenda

Deja un comentario