Tuesday 08 de July de 2025

O Concello promove o Serán de Son d’aquí e Asarga, que se celebrará esta fin de semana no Campo da Leña


O evento pon punto e final ás actividades das escolas da agrupación coruñesa e ten carácter solidario

O Concello da Coruña colabora na celebración estes días 11, 12 e 13 de xullo do Serán de Son d’aquí e Asarga, un evento de carácter solidario que terá lugar no Campo da Leña. O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, e a concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación, Nereida Canosa.

A asociación Son d’aquí, coa súa raíz no barrio coruñés de Monte Alto, organiza a décima edición do seu xa tradicional Serán co que pon punto final ás actividades das súas escolas.
Nun ano tan especial, ademais, únese a outra organización do barrio, Asarga – Asociación de Sarcomas Grupo Asistencial, para tecer una rede solidaria de apoio na loita contra este tipo de cancro. “Desde o Goberno de Inés Rey promovemos sempre as iniciativas das asociacións de cultura galega da cidade, que apostan por levar ás rúas a súa actividade e amosar o gran potencial que teñen os seus alumnos e alumnas”, indicou Castro. Pola súa banda, Nereida Canosa, celebrou que as iniciativas culturais “teñan un carácter solidario e apoien iniciativas que xorden dos nosos barrios e teñen por obxectivo un maior grao de coñecemento e de investigación sobre enfermidade como esta”.

O festival traerá tres días de música e folclore que celebrarán as raíces da música galega no Campo da Leña da Coruña. O venres, 11 de xullo, o Serán d’aquí comezará cun gran concerto protagonizado polos grupos de Cantareiras e agrupación musical de Son d’aquí,

As Pías, Tiruleque e Sheila Patricia. Será nunha sesión continuada de música que comezará ás 20.30 horas.
Ao día seguinte, o sábado 12 de xullo, a festa continúa coa presentación das escolas e escoliñas de Son d’aquí, que durante todo o curso prepararon diversas pezas tradicionais galegas. Baile, pandeiretas, pandeiros, gaitas, percusión e zanfonas soarán no Campo da Leña nunha mañá que comezará ás 11.00 horas e á que porán punto final As Tareixas na sesión vermú. Xa pola tarde, ás 17.30 horas, dará inicio a Foliadiña Infantil, dedicada aos máis pequenos, e ás 19.00 Asarga celebrará un bingo solidario con premios doados polo Real Club Deportivo de A Coruña.

Tras un Obradoiro de baile tradicional (19.30), ao caer o serán (20.00 horas) poranse en marcha as actuacións que transformarán o Campo da Leña nun torreiro. Xaora, A Meda, No Cómbaro, os Cantareiros de Son d’aquí, Xirandela, Xebre, Barallocas, o grupo musical de Son d’aquí, Donaire, Alxibeira, Os da Fonte da Picachá, Xacarandaina e as Cantareiras de Son d’aquí pasarán polo escenario para encher de música Monte Alto até a madrugada.

Durante as dúas xornadas haberá postos de información e merchandising e nos que comprar as rifas de Son d’aquí para participar nos distintos sorteos de produtos artesanais tradicionais. Ademais, Asarga terá á venda una camiseta conmemorativa da loita contra o sarcoma, cuxa recadación, canda a do bingo solidario, se destinará a financiar proxectos de apoio a pacientes impulsados pola asociación, que estará presente con actividades de sensibilización en información sobre esta enfermidade.
As celebracións do décimo Serán pecharanse cun xantar dos socios de Son d’aquí o domingo, 13 de xullo, tamén no Campo da Leña.

Sobre Asarga

Dende a súa fundación con vocación autonómica, Asarga consolidouse como unha entidade de referencia a nivel estatal no acompañamento a persoas afectadas por sarcoma, un tipo de cancro que representa menos do 1% dos tumores e que pode afectar tanto a adultos como a nenos. A pesar da súa gravidade, o sarcoma segue a ser unha enfermidade amplamente descoñecida e con recursos limitados. Grazas á súa labor, Asarga situou A Coruña no mapa estatal como un enclave na loita contra esta patoloxía.

Sobre Son d’aquí

A Asociación Cultural Son d’aquí fundouse na Coruña o 27 de agosto de 2014. O grupo partiu coa ilusión e as ganas de gozar e compartir con todos a alegría e a paixón polo folclore, a música e o baile da nosa terra. Trátase dun grupo de xente heteroxénea, unidos polo amor á cultura galega, que decidiu xuntarse para gozar do legado tradicional de Galicia e transmitilo ao mundo. Ademais dun nutrido grupo de baile, na actualidade conta cun grupo de música tradicional e un de cantareiras. Contan tamén coas Escolas d’aquí, abertas a todos aqueles que queiran aprender baile tradicional, gaita, pandeireta, pandeiro, percusión ou zafona. Ademais, os máis cativos teñen unha oferta cada vez máis ampla de Escoliñas ás que asistir, e coas que Son d’aquí quere ir facendo canteira e incorporar aos pequenos e pequenas ao mundo da música e o baile tradicional galegos.

Deja un comentario