Tuesday 08 de July de 2025

O Concello reclama 5,2 millóns de euros por débedas coa Administración a 16 concesionarias


No novo plan de concesións posto en marcha polo Goberno de Inés Rey, o executivo rescatou xa un aparcamento subterráneo que acumulaba impagos e ten trámites en marcha para recuperar medio millón de euros.

O executivo rescatará aquelas concesións que en xaneiro do 2026 non teñan regularizado a súa situación

O Concello da Coruña fixo públicos esta semana os datos das débedas que acumulan as distintas concesións coa Administración local. Dentro de plan de concesións presentado en xuño pola alcaldesa, Inés Rey, incluíase por primeira vez un exercicio de transparencia para que os cidadáns puideran ter acceso ao listado completo das concesións municipais, aqueles bens e servizos que se ceden para a súa explotación privada a cambio dun canon.

Son 105 os bens municipais que xeran actividade económica a través da súa xestión, entre eles, a meirande parte son aparcamentos soterrados, 45 en total. O plan de concesións, segundo explicou o concelleiro de Economía e Planificación Urbana, José Manuel Lage, ten por obxectivo non só facer por vez primeira un exercicio de transparencia que permite á cidadanía coñecer os bens, os canons e as empresas adxudicatarias, senón tamén contribuír a regularizar unha serie de propiedades que ata o momento ficaron alleas a uns controis máis exhaustivos. “Foi o Goberno de Inés Rey o que creo por primeira vez un departamento específico para unificar todos os datos sobre concesións, e o primeiro tamén en documentalas ao detalle, sendo complexo atopar datos de algunhas delas despois de moitos anos de desleixo”, indicou Lage.

Os novos datos feitos públicos polo Concello arroxan que 16 concesións teñen unha débeda co Concello que suma un total de 5,2 millóns de euros, débeda que se obtén da suma dos impagos dos canons mais tamén nalgúns casos por non aboar impostos e taxas municipais como o IBI. O consistorio deu como prazo máximo xaneiro do 2026 para que todas regularicen a súa situación, de non facelo o Concello poderá rescatar os bens cedidos para sacalos de novo a concurso.

En paralelo, o executivo traballa xa en determinados casos. A semana pasada aprobábase a extinción da concesión do párking do mercado de Monte Alto polas reiterados impagos.

Ademais, está en proceso o rescate de outros catro que tamén teñen débedas. Dentro do plan de concesións o Concello conseguiu xa o compromiso de pago dun adxudicatario que saldará medio millón de euros de débedas.

Ademais de reclamar os pagos pendentes para que ditos fondos revertan na cidadanía, o Concello dálles tamén un prazo máximo (setembro do 2026) aos adxudicatarios dos aparcamentos para que se axusten á normativa de accesibilidade nos casos nos que aínda non o teñan feito.
“Os bens públicos deben dar un servizo público en condicións, e deben producir recursos para que o Concello poida investilos en políticas que repercutan en beneficio de todos os cidadáns e cidadás”, indicou Lage.

Deja un comentario