Wednesday 09 de July de 2025

A Pobra lanza a súa oferta de actividades turísticas cunha novidade: unha ruta do mexillón en embarcación tradicional


· A concelleira de Turismo, Estefanía Ramos, presentou o programa, co que se busca que os visitantes “sexan algo máis que simples espectadores, converténdoos en parte activa de cada proposta”.

A Pobra do Caramiñal, 8 de xullo de 2025. O Concello presentou, esta mañá, a súa oferta de actividades turísticas. Trátase dunha proposta completa coa que se busca favorecer que os visitantes que se acheguen ao municipio nos meses de verán “sexan algo máis que simples espectadores, converténdoos en parte activa de cada proposta”. Así o explicou, esta mañá, a concelleira de Turismo, Estefanía Ramos, durante a presentación do programa. O deste ano contará con algunhas iniciativas xa consolidadas, como as saídas en veleiro ou as viaxes ás illas do Parque Nacional das Illas Atlánticas. Porén, a isto hai que sumar unha nova experiencia: as rutas do mexillón en barco bateeiro.

Tal e como incidiu a concelleira, trátase dunha nova “experiencia inmersiva” coa que se procurará un dobre obxectivo: “por unha banda, queremos poñer en valor o cultivo do mexillón, xa que é unha das actividades económicas máis importantes do concello. Para iso, contaremos cun guía acreditado que explicará como é o proceso desde o seu cultivo ata que o molusco acada o tamaño comercial”. Con todo, estas saídas incluirán tamén unha degustación “coa que enxalzaremos a riqueza gastronómica da Pobra, dándolles aos e ás visitantes a posibilidade de probar o mexillón e os nosos viños, que contan coa Indicación Xeográfica Protexida Terras de Barbanza e Iria”, sinalou a edil.

Para conseguir ambos obxectivos, o Concello organizará saídas nos meses de xullo (días 11, 17, 18, 24 e 25), en agosto (días 7, 8, 14, 15, 21, 22, 28 e 29) e en setembro (días 6 e 7). Estas levaranse a cabo ás 11.00, 13.00 e ás 17.00 horas cunha duración total de hora e media.

Outras actividades

Esta é, unicamente, unha das opcións que se realizarán na época estival. A oferta contará coas viaxes guiadas pola ría de Arousa en veleiro, previstas para os sábados e domingos entre o 19 de xullo e o 24 de agosto. A maiores, o Concello celebrará as viaxes en catamarán ao Parque Nacional das Illas Atlánticas, que arrincaron en xuño e se prolongarán ata finais de agosto.

Así mesmo, como parte da oferta de turismo mariñeiro, non faltarán no verán as experiencias de marisqueo a pé. Trátase dunha experiencia que rexistra, ano tras ano, unhas boas cifras de participación e coa que o público pode coñecer o oficio do marisqueo, de gran importancia na Pobra. En xullo, estas terán lugar os mércores 9, 16, 23 e o xoves, día 31, mentres que en agosto se levarán a cabo os xoves 7, 14, 21 e o venres, día 29.

Outra das alternativas encadradas no calendario turístico serán as rutas guiadas polo río das Pedras. Serán o sábado, 26 de xullo ás 10.00 horas, e o xoves, día 14 de agosto ás 10.00 horas. Estas correrán a cargo dun guía que axudará ás persoas participantes a coñecer o valor natural e xeolóxico desta contorna. A iniciativa, pensada para persoas a partir de 12 anos, incluirá non só as explicacións do experto, senón tamén o traslado nun microbús para observar a panorámica desde o miradoiro de Valle-Inclán.

As persoas interesadas en anotarse nas distintas propostas poderán facelo na Casa Mariñeira (parque do Castelo) ou no correo turismo@apobra.gal. Así mesmo, poderán solicitar máis información nos teléfonos 671 090 262, no 687 482 835 ou no 981 843 280 (extensión 2035).

Deja un comentario