Tuesday 08 de July de 2025

O Museo do Humor Xaquín Marín dará a coñecer este venres as obras gañadoras dos Premios Curuxa 2025


O Museo do Humor Xaquín Marín anuncia que este venres está prevista a xuntanza o xurado do concurso de humor gráfico e caricatura Premios Curuxa 2025. O humorista grafico David Pintor (Pinto&Chinto) e os gañadores da Curuxa´24, Adrián Dopico, e da Curuxa Nova´24, Lucas Sixto Carballeira, forman parte do xurado que se completa nesta XXIX edición do certame coa alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, o concelleiro de Cultura, Justo Ardá, e a responsable do museo fenés, Almudena Marcos (que actuará en calidade de secretaria do concurso). O xurado reunirase o venres 11, ás 12.00 horas, no propio museo para avaliar as obras presentadas e, ao longo da tarde, darase a coñecer o fallo a través da páxina web e redes sociais do Concello de Fene e Museo do Humor Xaquín Marín.

O XURADO

DAVID PINTOR, humorista gráfico de Pinto&Chinto, ilustrador e caricaturista (A Coruña, 1975)

Ilustrador, humorista gráfico, caricaturista, pintor e artista polifacético multipremiado. Colabora para editoriais e clientes de todo o mundo.En 1992, comeza a traballar co guionista Carlos López baixo o pseudónimo de Pinto & Chinto, converténdose en poucos anos nunha referencia do humor político en prensa. As súas tiras cómicas saen en diversos medios de comunicación, como Diario 16, La Voz de Baleares, Diario de León e La Voz de Galicia.

A partir do ano 2000 empeza a internarse no campo da ilustración infantil, onde recolle numerosos premios. Porén, non para aí a súa carreira senón que co tempo, empeza a colaborar en múltiples ámbitos relacionados co deseño, a moda ou a publicidade, buscando sempre as múltiples posibilidades que ofrece a profesión de ilustrador.

Leva máis dun cento de títulos publicados entre os que salientan: Historia de Román o bombeiro, 2005, Everest; O pequeno da familia fantasma, 2005, Sotelo Blanco; Minimaladas, 2007, Xerais, (Premio Merlín); La nonna in cielo, 2008, Lapis (Corea); Novas minimaladas, 2008, Xerais; Ciudades de papel, 2009, El Patito Editorial; Jack and beanstalk, 2009, Froebel (Corea); Tito Longueirón, 2005, BD Banda; Contos para nenos que dormen deseguida, 2010, Kalandraka; El principito, 2010, Agaworld (Corea); El Cascanueces, 2011, Pablo Zaera; The Nutcracker, 2011, Agaworld; Gulliver travels, 2011, Agaworld; Il bosco della Baba Yaga, 2012, F. Cosino; Los estrambóticos viajes de Gulliver, 2012, Bululú; Os xogos olímpicos de Ningures, 2012, Galaxia; Brinca vai!, 2014, Kalandraka; That day, when…, 2014, Editions Kotot (Francia); Cámbiache o conto!, 2016, Edicións Xerais (España); El primer diccionario de Nara, 2019, Degomagom. (España); O alfabeto nojento, 2019, Caminho. (Portugal); La estrambótica vuelta al mundo en 80 días, 2022, Bululú (España); Com pensos tudo passa, 2022, Edições Almedina (Portugal)

As últimas obras que levan o seu selo son: Caricaturas y frases inolvidables, 2025, Degomagom (España); O meu pai não sabe desenhar, 2025, Porto Editora (Portugal); Joe Rudo, 2025, Iglú (España); e Voando sobre o ninho da família Pardal, 2025, Porto Editora (Portugal).

É un autor multipremiado xa que conseguiu ao longo da súa traxectoria profesional innumerables galardóns: Premio da Society of News Design (SND) polos seus traballos en La Voz de Galicia; Premio Curuxa do Humor no 2007, outorgado polo Museo do Humor de Fene; Premio literario Frei Martín Sarmiento no 2007, por O pequeno da familia fantasma; Mellor ilustrador de 2007 pola web Fervenzas Literarias; Premio Haxtur ao humor no 2008, outorgado polo Festival de cómic de Xixón; Premio Follas Novas do Libro Galego 2022 ao mellor libro ilustrado por “A Coruña”; Premio Pura e Dora Vázquez de Ilustración no 2009, por Encontros ás agachadas; Premiado co Grand Prix International na Bienal de Cadernos de viaxe Clermont Ferrand 2009, por Ciudades de papel; Premio “L´illustratore dell´anno 2011” convocado por Città del sole; 2º Premio Ilustración da Feira do libro infantil de Sharjah (Dubai); Premio da revista Andersen ao mellor libro infantil de 2012 entre 6 e 9 anos por Il Bosco della Baba Yaga; Premio Mingote 2013; seleccionado en varias edicións para a mostra de ilustradores da Feira de Boloña, Mostra Internacional de Ilustradores Infantís Sueños en Papel en México e Bienal de Ilustración de Bratislava; Medalla de prata no IWSC (International Wine & Spirit Competition) no apartado de packaging, etc.

En 2022, a película “Valentina”, na que participou como deseñador de personaxes, gañou o premio Goya á mellor longametraxe animada.

ADRIÁN DOPICO LÓPEZ, gañador do 1º premio Curuxa 2024 (Fene, 1997)

Realizou o grao en Belas Artes en Pontevedra e é Tecnico Superior en Ilustración. En 2019 acadou unha mención de honra no certame Xuventude Crea e en 2024 estreou a galería de autores feneses que acadan o premio Curuxa xa que recibiu o primeiro galardón do certame.

LUCAS SIXTO CARBALLEIRA, gañador do 1º premio Curuxa Nova 2024 (Neda, 1999)

Realizou o Ciclo Superior de Ilustración na escola Pablo Picasso da Coruña e tamén un ciclo medio de Impresión, no IES de Leixa (Ferrol). Nos últimos anos foi un habitual participante dos Premios Curuxa do Museo do Humor Xaquín Marín, sendo finalista en varias ocasións. En 2024 foi recoñecido co 1º premio Curuxa Nova.

Deja un comentario