
O programa arrinca o mércores 9 de xullo coas Noites de cine, e continúa coa Praza dos Libros e un espectáculo para a cativada a cargo do Mago Antón
O 9 de xullo empeza o Verán Cultural co habitual programa de cinema que leva películas para todos os públicos a todos os recunchos do municipio. Pero esta semana trae moito máis, cunha Praza dos Libros que encherá de creatividade cultural o Xardín Municipal entre o 10 e 0 13 de xullo e tamén coa actuación do Mago Antón, que celebra 50 anos sobre os escenarios o día 11.
Como cada verán, o cinema ao aire libre forma parte importante da programación cultural do municipio. Neste caso, co ciclo Noites de cine que inclúe proxeccións de películas os mércores e xoves en diferentes espazos do concello, tanto no casco urbano coma nas parroquias e tamén nas nosas praias. De feito, o ciclo comeza na Praia de Razo coa proxección de +Cuñados, unha comedia con actores galegos como Xosé Touriñán, Miguel de Lira ou Iolanda Muíños. Esta continuación de Cuñados comeza co achado dun cadáver xusto no medio da Ponte Internacional de Tui. Este evento prodúcese despois do sucedido hai uns días… Achégase o Entroido e a familia Ribeiro prepárase para gozar das festas favoritas de todo ourensán. A proxección comeza ás 22.30 horas e a película está recomendada para maiores de 12 anos.
Xa o xoves 10 de xullo o programa segue coa Praza dos Libros. Un ano máis o Xardín Municipal converterase no epicentro do fomento da lectura con presentacións literarias, actividades de achegamento para os máis cativos e cativas, encontros con autoras e autores e tamén sinaturas de libros. Durará até o domingo 13 de xullo e conta coa colaboración da Fundación Luís Calvo Sanz. Cada día o horario de apertura desta feira da creatividade cultural é de 11.00 a 14.00 e de 18.00 a 22.00 horas, coa presenza de oito librarías que ofrecerán un 10% de desconto en cada compra. Son as seguintes:
Á lus do candil (Arteixo)
Brañas Verdes (Carballo)
Trasgo (Carballo)
Teldy (Carballo)
Clarión (Carballo)
Espiral Maior Foro (Carballo)
A gata tola (Santiago)
Espazo Lector Nobel (Carballo)
Ademais, está previsto repartir centos de premios polas compras a través de rascas (libros, mochilas, bolígrafos, pendrives coa gravación da Sinfonía Bergantiños, bolsas de tea… ) e o xoves 10 e o domingo 13 pola mañá a PLIC! convivirá coa feira tradicional de Carballo, coa venda dos mellores produtos de tempada. Eses días pola compra dun libro os e as asistentes recibirán un paquete de Conservas Calvo (o xoves) e un molete de pan de Carballo (o domingo).
Pola Praza dos Libros pasarán este ano autores e autoras coma Marilar Aleixandre, pregoeira desta edición; e outros autores ben coñecidos e coñecidas como Pedro Feijoo, Xabier Queipo, Rober Cagiao, Víctor Cebey, Marta Villar, Carlos Rego, Fernando Cabeza Quiles, Suso de Toro, Xosé Manuel e Icía Varela, Héctor Pose, Txema García, Alejandro Otero Jamardo, Marta Seoane, Laura Tova, Carmen V. Valiña, Xosé Antonio Andrade, Raúl Herrera, Arantza Portabales e Ramón Vilar Landeira. E ademais haberá música para todos os públicos, obradoiros e moito máis.
Programa completo: https://carballo.gal/wp-content/uploads/2025/07/ProgramaPlic2025.pdf
E nesta mesma fin de semana, o venres 11 de xuño, a Praza do Concello acolle o espectáculo do Mago Antón 50 (1975-2025), dirixido a público e infantil e familiar. No “Magomóbil” e percorrendo os concellos de Galicia, o coñecido Mago Antón celebra 50 anos de maxia. 50 anos explorando os límites do imposible. 50 anos sobre os escenarios cun espectáculo que reúne as súas mellores interpretacións e novas ilusións nunca antes vistas. 50 (1975-2025) significa mellora, crecemento, liberdade e felicidade. É a culminación de algo e o comezo dunha nova etapa. Haberá catro sesións ao longo de todo o día: 13.00, 17.00, 18.30 e 20.00 h. A capacidade está limitada á 70 espectadores por función. As entradas necesitan reserva previa, de balde, na Billeteira do Concello. Colabora coa cita a Deputación da Coruña.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.