Tuesday 08 de July de 2025

Neda impulsa “Mañás activas”, un programa con xogos acuáticos e natación para o público infantil na piscina


O Concello abre hoxe mesmo o prazo para inscribirse, e conseguir unha das 72 prazas que se ofertarán entre as quendas de xullo e agosto

O Concello de Neda porá en marcha dende a vindeira semana na piscina municipal “Mañás activas”, unha iniciativa deportiva e de lecer activo pensada para a rapazada. Xogos acuáticos, natación en distintos niveis, e outros deportes de auga serán os piares de cada unha das sesións. O programa, para o que se abre hoxe mesmo o prazo de inscrición, ofrecerá en total 72 prazas repartidas en dúas quendas (xullo e agosto) e en grupos de iniciación, perfeccionamento e avanzado.

Durante este mes, os nenos e nenas de entre 4 y 13 anos poderán desfrutar da iniciativa os martes e xoves en horario matinal. En función da idade e de que teñan ou non coñecementos de natacións estableceranse tres grupos con horarios diferenciados. A proposta ampliarase na segunda quenda. Así, en agosto, cada grupo terá tres horas de actividade semanais, en lugar de dúas (martes, xoves e venres).

Os circuítos de habilidade e os xogos cooperativos – busca do tesouro, obstáculos acuáticos, tesouros afundidos, balonmán…- serán a base da aprendizaxe en “Mañás activas”. O programa favorecerá a evolución psicomotriz da rapazada dentro da auga, ensinando aos máis pequenos a nadar ou, no caso de que xa saiban, a perfeccionar a súa técnica.

As familias interesadas en que os seus fillos e fillas participen no programa, deseñado para evitar o sedentarismo durante as vacacións e promover unha vida activa, poden dende hoxe mesmo inscribir aos menores no horario habitual da piscina (luns a venres, de 15.30 a 20.30 horas e, sábados e domingos, de 12 a 20.30 horas). A inscrición farase por quendas independentes, tendo a primeira -do 15 ao 31 de xullo- un custe de 15 euros e a que inclúe todo o mes de agosto un prezo de 25 euros.

Deja un comentario