Tuesday 08 de July de 2025

O Concello organiza un curso sobre os usos e posibilidades da intelixencia artificial


· A formación, 100% gratuíta, levarase a cabo do 21 ao 24 e do 28 ao 31 de xullo.

Democratizar o coñecemento e o uso da intelixencia artificial. Ese é o obxectivo prioritario que o Concello buscará cumprir co seu novo curso sobre IA. O programa está organizado pola Concellería de Mocidade, pero está pensado para veciños e veciñas de todas as idades e ocupacións sen coñecemento previo sobre a materia. O obxectivo, tal e como explica o concelleiro desta área, Eloy Sobrido, é que as persoas participantes poidan aprender “a usar a IA no seu beneficio, coñecendo as ferramentas que empregan esta tecnoloxía e descubrindo como empregalas no seu día a día”. A formación desenvolverase ao longo de oito sesións entre o 21 e o 24 e do 28 ao 31 de xullo.

As dúas primeiras leccións servirán para facer unha introdución á intelixencia artificial e para abordar a IA baseada en texto, traballando con plataformas como ChatGPT. Na terceira e cuarta clase, o alumnado usará aplicacións sinxelas de tradución e corrección de textos. A quinta e sexta destinaranse a programas de asistencia informática e programación na ofimática e nas dúas últimas trataranse os aspectos sociais e éticos da IA. Todas as clases estarán impartidas por Ramón Barral Lijó, doutorado en Matemáticas pola Universidde de Santiago de Compostela e cunha ampla traxectoria docente en España e noutros países como Xapón.

A actividade é 100% gratuíta e todas as sesións realizaranse, de 11.00 a 13.00 horas, na aula de informática da Casa da Mocidade. As persoas interesadas poderán anotarse no correo mocidade@apobra.gal. Poderán pedir máis información nese mesmo enderezo ou na secretaría de Alcaldía.

Deja un comentario