Tuesday 08 de July de 2025

Humor con Federico Pérez e concertos de Ulex e De ninghures no ciclo Xullo, mes da Patria


Continúa o ciclo organizado pola Concellería de Cultura de Fene para conmemorar o Día da Patria Galega. A xornada deste mércores, 9 de xullo, estará adicada ao humor co monologuista e actor Federico Pérez. O espectáculo, titulado Xa que o sabes, voucho contar (e cantar), comezará ás 21.30 horas na praza do alcalde Ramón J. Souto González con entrada gratuíta. Recollida de invitacións para asistir ao mónólogo na Casa da Cultura, o martes e o mércores pola mañá, ou o mesmo día da función, de 19.30 a 20.30 horas na propia praza, ata fin de existencias (aforo limitado). Apertura de portas ás 21.00 horas. Función programada coa colaboración da Rede Cultural da Deputación.

Sobre o espectáculo, afirma Federico Pérez: “Cando pensamos que o sabemos todo, igual é o momento de pensar que non temos nin idea. Ou igual a nosa versión dos feitos non é a única boa. É máis, igual é a peor versión de todas. Que quero dicir con isto? Non o sei. Pero estame gustando escribilo. Este espectáculo pretende rirse de si mesmo e de que a xente ría con el. Este espectáculo é a miña versión dos feitos. E de que feitos estou falando? Pois estou falando de cando eu nacín, de como me criei, da miña nai, de meu pai, de miña avoa, do lugar no que medrei, de onde estou agora e, sobre todo, do lugar ao que, seguro, vou chegar: a morte. Vou contar todo isto e tamén o vou cantar. Porque me gusta cantar. Mal, pero gústame. E, botando man de clásicos como The Beatles ou Frank Sinatra, conto e canto historias que me conmoven, que me fan graza, que me emocionan, que me escarallan…

Durante unha hora (ou algo máis se a xente pide “outra, outra”) viaxaremos polas paisaxes da miña vida e coñeceremos personaxes que me marcaron como cando nas películas do oeste se marcaban as vacas e os cabalos. Galopín, Vin polo aire, O gato… Cancións tradicionais da nosa cultura, fusionadas coa maxia de Lennon e McCartney, coa paixón de Frank Sinatra… para chegar a un estado de éxtase moi difícil de esquecer. Vinde, porque, xa que o sabedes, vóuvolo contar”.

Federico Pérez Rey (1976) é actor, monologuista e guionista. Licenciado en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago, comezou no audiovisual como lingüista en Mareas Vivas. Foi guionista antes ca actor e traballou neste eido en series como “Terra de Miranda”, “Pequeno Hotel”, “O rei da comedia”, “As leis de Celavella” ou “Rapa”.

Como actor, é unha das caras habituais da TVG, participando en series como “Padre Casares”, “Air Galicia”, “O show dos Tonechos”, “Libro de Familia”, “Rapa” ou “Era visto!”, que lle valeu diversas candidaturas a mellor actor nos Mestre Mateo. No cine, traballou en filmes como “18 comidas”, “Retornos”, “Mar adentro”, “Encallados”, “Trote” (premio Mestre Mateo a Mellor Actor de Reparto), “La sombra de la ley”, “Cuñados”, “Cuñados 2” e, recentemente, en “O corpo aberto”, papel polo que volve gañar un Mestre Mateo a mellor actor de reparto. Sobre as táboas, destacan as obras “O montacargas”, P”ataca minuta” ou “O florido pénsil”.

ACTO INSTITUCIONAL E CONCERTOS

Tralo espectáculo deste mércores, o xoves 10 de xullo, ás 20 horas, terá lugar no Parque Liñal do Río Cádavo (a carón do monumento 25 de xullo) a lectura da declaración institucional polo Día da Patria, redactada este ano pola fenesa Gisela Sanmartín, directora do grupo de cantareiras Xirifeiras (Airiños de Fene) e presidenta da Asociación de Tocadoras Galegas Somos Pandeireteiras. A continuación, o mesmo día a partir das 21 horas, celebraranse na Praza do alcalde Ramón J. Souto González os concertos de Ulex, “Lonxe de ti”, e De Ninghures, “Feira”.

Deja un comentario