
O Concello de Ribeira xa conta cos axentes que reforzarán o seu corpo de Policía Local cun total de oito novos axentes que se incorporarán durante a tempada estival e permanecerán ata o mes de decembro.
Grazas a estas incorporacións poderase garantir unha maior seguridade cidadá, especialmente durante os meses de verán, nos que a poboación se incrementa de xeito significativo debido á chegada de visitantes e nos que hai moitas celebracións.
Ademais, dende o Consistorio informan que nos últimos dous anos o número de axentes fixos da Policía Local de Ribeira incrementouse en tres, consolidando así un cadro de profesionais máis amplo para atender as incidencias.
O alcalde de Ribeira, Luís Pérez, subliñou que “sabemos que temos que seguir nesta liña de aumentar axentes pero estamos facéndoo de
maneira progresiva e na medida que temos recursos dispoñibles”.
Segundo o rexedor, este reforzo pretende ofrecer unha resposta máis rápida e eficaz ante calquera situación que poida xurdir, mellorar o
control do tráfico e reforzar a vixilancia nos puntos máis sensibles do municipio. “É unha mostra clara do noso compromiso coa seguridade, tanto para a veciñanza como para todas as persoas que nos visitan durante o verán”.
O obxectivo principal desta iniciativa é mellorar a resposta ante posibles emerxencias, garantir unha maior seguridade e contribuír ao bo desenvolvemento das actividades culturais, deportivas e de lecer que teñen lugar no municipio durante estes meses.
Dende o Concello de Ribeira lembran que esta medida forma parte dunha estratexia máis ampla para mellorar a seguridade e o benestar de
toda a cidadanía. Neste sentido destacan que nestes dous anos ademais do aumento de axentes tamén se logrou facer o desaloxo do edificio ocupa ou que se está en contacto coa veciñanza de diferentes barrios para consensuar as medidas a implantar coas que mellorar a seguridade.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.